Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 17:40
O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, tomou a palabra este luns para conmemorar o "moito que avanzou Galicia" nos 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia, nunha intervención na que rendeu tributo a todos os que se entregaron en "corpo e alma" aos que posibilitaron o seu autogoberno.
Nesta declaración no pleno da Cámara galega, Santalices valorou o traballo dos que "sortearon toda clase de atrancos" para alcanzar este texto "antes de ser plebiscitado".
"Homenaxeamos tamén, por suposto, a cantos ofreceron o mellor de si na conformación das diferentes propostas elaboradas na década dos 30 do pasado século e que culminaron co referendo estatutario celebrado o 28 de xuño de 1936", reflexiona.
O 21 de decembro de 1980 someteuse a referendo o Estatuto de Atuonomía, o que supuxo "a primeira fase do longo camiño percorrido por Galicia para dotarse dun marco xurídico sustentador da súa autonomía política" e que se desenvolveu "lentamente", pero "con tanta solidez como nas democracias máis consolidadas".
"O estalido da Guerra Civil impediu completar a tramitación daquel estatuto nas Cortes", apunta. Con todo, "a semente, adormentada durante a ditadura, acabou por ofrecer o seu froito" en forma de "recoñecemento constitucional á condición de nacionalidade histórica".
"España e Galicia atravesaron neste catro décadas o período de maior crecemento económico e estabilidade social de toda a nosa historia milenaria", subliña. Por iso, chama a avanzar por esta senda para dar lugar a maiores cotas de benestar. Considera que se Galicia posúe unha "autonomía plena" é "consecuencia" deste Estatuto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.