Jácome salta o protocolo anticovid dos colexios para repartir caramelos neno por neno

Esta acción provocou críticas abondosas nas redes sociais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

Críticas nas redes ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por repartir caramelos aula por aula nunha escola da provincia e saltar, así, o protocolo anticovid dos centros educativos decretado pola Xunta de Galicia ao comezo do curso. Aconteceu, concretamente, no colexio Mestre Vide nas Lagoas, onde o líder de Democracia Ourensana, xunto con outras tres persoas vestidas de Reis Magos, fixeron un percorrido por todas as clases do centro para entregar a crianzas menores de 12 anos uns saquiños con caramelos.

Imaxe de Gonzalo Pérez Jácome repartindo caramelos nas aulas
Imaxe de Gonzalo Pérez Jácome repartindo caramelos nas aulas | Fonte: Facebook Democracia Ourensana

No resto dos centros educativos, segundo indica o propio partido nunha publicación de Facebook, o agasallo xa foi entregado sen a presenza do alcalde ou doutras persoas foráneas, agás en dous centros que "declinaron o convite", sinalan. 

Esta acción provocou abondosas críticas nas redes. Por unha banda, mestres da provincia lembran que aos colexios non se aconsella entrar nin sequera aos pais e nais dos cativos, tal e como recolle o protocolo da Xunta de Galicia para centros educativos. Concretamente, a guía de actuación da administración indica que, "salvo razóns xustificadas ou relacionadas con procesos administrativos, ou cando a presenza sexa requirida polo propio centro, non se permite a entrada dos proxenitores no centro educativo". 

Durante todo o curso, critican tamén, non tivo lugar ningunha actividade extraescolar e complementaria para evitar riscos entre o alumnado. Nun contexto de pandemia coma este, onde os contaxios manteñen a súa tendencia á alza en Ourense, as redes mostraron, xa que logo, a súa "indignación" polo que consideran "un chiste" por parte do alcalde da cidade. 

Doutra banda, esta acción tamén foi criticada polo feito de que non partise do propio concello, senón dun partido político, xa que quen se fixo eco desta visita do alcalde ao centro educativo foron as contas oficiais en redes sociais de Democracia Ourensana. 

Sus Majestades Los Reyes Magos de Oriente, recibidos por el acalde Gonzalo Jácome, y en colaboración con el Concello de...

Posted by Democracia Ourensana on Luns, 21 de decembro de 2020

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gan Dhul

Foi porque en certos colexios serán diretores un banda de lambe-cús. Porque se estou eu aí non pon os pés no recinto escolar.