Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 12:59
Seis de cada 10 mozos galegos de entre 18 e 34 anos (o 64,21%) vivían cos seus pais a 31 de decembro de 2019, segundo a enquisa estrutural a fogares que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Dos que tiñan entre 25 e 34 anos e que vivían cos seus pais, de acordo con esta enquisa, o 18,64% non tiñan ningún tipo de ingreso. Esta porcentaxe sobe ata o 53,94% entre os mozos de 18 a 24 anos. Mentres, uns 238.400 galegos vivían sós a 31 de decembro de 2019, isto é, o 22,3% do 1.069.094 fogares que había en Galicia nesa data.
A tipoloxía máis habitual segundo esta estatística é a formada por unha parella con fillos, que supón un 30,79% do total deses fogares que había fai un ano. Por provincias, Lugo e Ourense son as que contan cunha menor porcentaxe desta última tipoloxía de fogares, mentres que son as provincias onde pesan máis, en termos relativos, os fogares unipersonais.
Existen 240.590 fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos, o que supón o 22,5% do total. Con respecto ao ano anterior, o número de fogares deste tipo diminuíu un 4,8%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.