Por gcdeportes | A Coruña | 29/06/2013 | Actualizada ás 22:54
Toda a semana preparando o partido, xa con ameazas en Riazor aos fabrilistas. El Palo tiña claro o que debía facer: marcar dous goles e logo impedir que se xogara ao fútbol. Balóns ao campo, lesións simuladas, gargallos e agarróns ao meta deportivista, o porteiro Loren non sacaba... E rematado o partido, perseguindo aos rivais en troques de celebrar o ascenso. Un espectáculo pouco deportivo, como enseguida se denunciou nas redes sociais.
Aínda así, o Fabril non xogou un bo partido. Encaixou o primeiro gol no minuto 60, pero nunca pisou a área rival con moito perigo. Nin sequera cando El Palo quedou con dez xogadores, no 65, por unha agresión de Igna a Luis Fernández. Deixouse dominar, xogou o partido que quería o rival e en campo deportivista, e os moitos córners dos malagueños acabaron tendo premio.
No primeiro tempo, aguantou ben o Fabril as acometidas do rival, pero o primeiro gol, xa na segunda parte, desarmou aos deportivistas, que empezaron a notar os nervos de xogarse o ascenso. Aínda con dez, El Palo seguiu presionando ata que chegou o 2-0, un tiro dende fóra da área tras un córner que se colou entre as pernas dos xogadores.
Minuto 82, aí rematou o partido. Xa foi imposible xogar ao fútbol. Balóns dende a bancada, retrasos en sacar, aguantando o balón no córner. O partido chegou ata o minuto 97, pero debeu durar moito máis. En quince minutos, o Fabril só chegou unha vez á área rival.
Ao final, Fernando Vázquez, adestrador do primeiro equipo que viaxou co Fabril a Málaga, non quixo entrar en cuestións extradeportivas. Si se queixou do campo pequeno, de herba artificial: "Habería que preguntarse se isto é fútbol?"
O Fabril _que xogou con Marc Martínez, Caridad, Uxío, Pablo Insua, Ángel, Sidibe, Lemos, Vela, Luis Fernández Romay e Víctor_ queda un ano mais en Terceira. A derrota dos deportivistas deixa o Portonovo sen ascenso a Terceira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.