O PSdeG acusa á Xunta de aplicar medidas que supoñen o "peche encuberto" da hostalaría

Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos, criticou que en todo a 2020 a Xunta só habilitase "22 millóns de euros" para apoiar aos comercios, ás pequenas e medianas empresas e á hostalaría.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao Goberno galego a acompañar as restricións anunciadas este mércores, que considera que implican un "peche encuberto da hostalaría", de "apoio económico" a todos os sectores afectados.

En declaracións aos medios tras reunirse co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, Caballero asegurou que a súa formación acata, respecta e asume todas as medidas que, segundo indicou, débense de tomar "con sustento clínico" pero tamén con "apoio ao conxunto da economía galega".

Nun escenario no que a hostalaría terá que pechar a partir do venres ás 18,00 horas en toda Galicia e no que en moitas localidades a actividade queda restrinxida ás terrazas, subliñou que estas decisións teñen que acompañarse "desde o primeiro momento" de axudas económicas.

"Feijóo non está a tomar as medidas económicas necesarias para apoiar a estes sectores", considerou o dirixente socialista, que afirmou que na práctica implican "un peche encuberto" das cafetarías, os bares e os restaurantes. Así, o xefe de filas dos socialistas galegos criticou que en todo a 2020 a Xunta só habilitase "22 millóns de euros" para apoiar aos comercios, ás pequenas e medianas empresas e á hostalaría.

"É a hora de tomar as medidas necesarias para protexer a saúde pero tamén é a hora de despregar o paraugas para rescatar aos sectores aos que se decreta un peche encuberto e que senten abandonados, illados e sen respaldo", apuntou.

Deste xeito, tras incidir en que os socialistas son "leais" e non queren entrar na "confrontación" nun momento no que a situación é de "alto risco", considerou necesario tamén que a Xunta actúe con "transparencia" e facilite "toda a información" de forma que as "regras sexan homoxéneas".

"INCONSISTENCIA DE FEIJÓO"

Na súa intervención, Gonzalo Caballero tamén criticou a "inconsistencia" mostrada polo presidente da Xunta "na medida na que non se fai corresponsable do que ocorre no país cando o é o responsable". Gonzalo Caballero asegurou que mostra unha "dobre rapadoira" xa que "en momentos como o verán, no que o nivel de contaxios se controlou, non houbo nin un só día no que non estivese a tentar atribuírse o éxito".

"A poboación galega está a comportarse de forma prudente, responsable, en termos xerais de forma exemplar e entre todos temos que gañarlle ao virus e ser corresponsable. Esperemos que non haxa que tomar medidas de maior contundencia, o primeiro en todo caso sempre será defender a saúde", finalizou.

APOIO DO GOBERNO DE ESPAÑA

Gonzalo Caballero pronunciouse deste xeito tras reunirse co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, un encontro tras o cal ambos destacaron todas as medidas postas en marcha polo Executivo estatal para facer fronte á pandemia, como os ERTE, os avais a empresas e as axudas a autónomos.

Neste sentido e tras pór en valor, entre outras cuestións, os fondos contemplados nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para Galicia --con partidas para a rexeneración da ría do Burgo e para a rebaixa de peaxes da AP-9--, incidiron en que recollen "demandas históricas" de Galicia.

"Nun momento moi importante de loita contra o covid, Galicia vai ter un soporte a maiores, que son un PGE que van permitir unha cobertura social, uns investimentos que van xerar actividade económica e, sobre todo, recursos económicos para que a Xunta poida levar a cabo as políticas económicas que decida", sinalou o delegado Javier Losada.

Pola súa banda, Gonzalo Caballero tamén puxo en valor que o Goberno priorizase a "defensa das persoas" coa prioridade de que "ninguén quede atrás". Ademais, sinalou que a súa formación seguirá traballando con "todo tipo de esixencias e firmeza" para que o traballo do Goberno con Galicia "siga adiante".

CRÍTICAS DE TELLADO

Por último, preguntado por unha mensaxe publicada nas redes sociais polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, no que acusaba á Delegación do Goberno de "renderse" aos intereses do PSdeG en relación ao encontro de Javier Losada con Gonzalo Caballero, o delegado enmarcou a cita na "normalidade" e lembrou que o Partido Socialista é o que "dá soporte" ao actual Executivo.

"Onte un conselleiro presentaba cuns parlamentarios do PP unha lei, non lle vexo ningún tipo de problema. Ao contrario, estou satisfeito de que o secretario gerenal do PSOE e portavoz do grupo parlamentario queira coñecer de viva voz do delegado do Goberno o que foi a aposta do Goberno de Pedro Sánchez por Galicia", sinalou. Por último, Losada asegurou tamén non ter "ningún problema" en reunirse cos portavoces dos restantes grupos parlamentarios, en referencia a Pedro Puy (PP) e a Ana Pontón (BNG).

Pola súa banda, Gonzalo Caballero referiuse a Tellado como a "sección Vox" do Partido Popular e criticou que "non lle guste a liberdade de expresión". "Mostra unha falta de respecto á liberdade política", censurou. "Onte Casado comparecía coa presidenta de Madrid en sede oficial e aí non escoito ao señor Tellado e á sección Vox do PP de Galicia facer ningún tipo de declaración", apuntou.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

O delegado do Goberno asegurou que o Executivo estatal traballa para que a electricidade siga "abaratándose" e considerou que a subida do prezo rexistrada nos últimos días responde a unha cuestión "puntual". "É un momento puntual, sabemos que por decisións do Goberno de España baixou o prezo máis dun 20% este ano", sostivo Losada, que considerou que as decisións van "polo bo camiño".

Preguntado nun acto en Santiago polas peticións de varias formacións, incluída Podemos, de impulsar unha reforma do mercado eléctrico, o delegado lembrou que actualmente España se atopa nun momento de "transición ecolóxica e enerxética" tras a que os prezos seguirán baixando.

CONGRESO PSDEG

O Congreso do PSdeG convocarase unha vez realizado o Federal, que terá lugar en outubro tras ser aprazado "catro meses" debido á pandemia da covid para que poida ser presencial.
Caballero explicou que a semana pasada a propia dirección federal trasladou ao PSdeG "unha axenda e un calendario con respecto ao Congreso Federal", plan ao que el mesmo trasladará o respaldo dos socialistas galegos no comité federal que terá lugar a próxima semana.

"A situación de pandemia é grave, con enormes riscos, e a dirección do partido, desde logo co respaldo do PSdeG, decidiu aprazar en catro meses o Congreso Federal que se ía a celebrar de forma ordinaria en xuño", sinalou. "Non hai unha axenda, hai que esperar ao Federal de outubro e, a partir de aí veremos os prazos", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta