Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 14:01
Os centros que ofrecen servizos sanitarios terán novas obrigacións desde este venres. A partir da entrada en vigor das novas medidas, os centros, servizos e establecementos sanitarios, tanto públicos como privados, teñen que cumprir con máis criterios de prevención da covid-19 e vixilancia.
De feito, é unha das principais novidades que se inclúen no Diario Oficial de Galicia (DOG), que foi publicado este 13 de xaneiro en versión bis e no cal se inclúen as novas recomendacións e decisións tras a reunión do comité clínico. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa avanzou en rolda de prensa que, en plena terceira onda do coronavirus, a Administración autonómica pretendía adiantar e minimizar o pico de contaxios e para iso implementou máis medidas de vixilancia.
Así as cousas, a orde, que recolleu Europa Press, sinala que os "titulares ou directores" dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, xa sexan públicos ou privados, "deberán adoptar medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e pacientes".
Iso, engade, co obxectivo de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, uso de máscaras en sitios pechados de uso público, capacidade, hixiene de mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes.
OUTRAS MEDIDAS DE SEGURIDADE E PROTECCIÓN
Un segundo punto deste novo apartado da orde de medidas da Xunta recolle que estas medidas "deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, accesos, zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes", así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro.
Ademais, a Administración autonómica obriga a adoptar as "medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos", así como establece o deber dun "mantemento adecuado dos equipos e instalacións".
Finalmente, estes centros "estarán obrigados" a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de "vixilancia, prevención e control" da covid-19.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.