Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 14/01/2021 | Actualizada ás 14:15
O xefe da UCI do Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac), David Freire, alertou da situación "crítica" na Unidade de Coidados Intensivos e instou á "responsabilidade individual" e a saír "o mínimo imprescindible".
Freire asegura que se está vivindo unha situación "similar" ou "peor" que a de marzo. "A UCI ten agora unha ocupación na unidade Covid próxima ao 75%". "Todos os días ingresa algún paciente novo, ata dous ou tres, mesmo catro", engade.
Por outra banda, incide en que hai pacientes "máis novos" e algúns "sen patoloxía previa". "É importante ter todo isto en conta porque se non a pandemia vai poder connosco", recalca.
Por iso, apela a reducir o contacto social e no caso do hospital recomenda tamén limitar as visitas "ao mínimo". "Só un familiar por paciente, que sexa menor de 70 anos e só naqueles casos que se considere imprescindible".
"Acudir ao hospital, por exemplo, para falar cun médico ou algo importante, asinar un consentimento", cita como exemplos. E é que, no actual contexto, insiste en que se está "ante un problema de responsabilidade individual".
Por iso, pide "saír de casa só o estritamente necesario como ir ao traballo, ao médico, ao hospital". "O mínimo imprescindible", asevera o xefe da UCI no Chuac, quen sostén que "o mellor aplauso" que os sanitarios deberían esperar é que a xente "quede en casa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.