A nova Lei de Ordenación do Territorio entrará en vigor o 15 de febreiro para "simplificar" a actuación urbanística

Presenta novidades como a creación dos proxectos de interese autonómico como único instrumento de intervención directa no territorio, que substitúe aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

A Lei de Ordenación do Territorio (LOT) entrará en vigor o próximo 15 de febreiro --un mes despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), prevista para este venres-- co obxectivo de actualizar, simplificar e axilizar a planificación urbanística, e así evitar desequilibrios e mellorar a planificación territorial de Galicia.

Así o explicou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nun comunicado, no que ademais indicou que, grazas á normativa, "garántese a cohesión social e mellórase a calidade de vida de todos os galegos".

O departamento da Xunta sinalou que con esta lei complétase "o camiño iniciado en 2016 coa aprobación da Lei do Solo", e "actualízase unha norma que contaba con 25 anos de vixencia", ademais de pechar a renovación do marco normativo autonómico en materia de urbanismo e paisaxe.

"Os grandes obxectivos aos que responde esta nova lei son facilitar o desenvolvemento ordenado do medio natural e do chan como ben limitado, garantir a protección dos valores paisaxísticos e a sustentabilidade ambiental, facer accesibles os servizos e infraestruturas públicos, e loitar contra o cambio climático", informou a Consellería.

NOVIDADES NA LEI DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO

A Lei de Ordenación do Territorio presenta algunhas novidades como a creación dos proxectos de interese autonómico como único instrumento de intervención directa no territorio, que substitúe aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e cos que se planificarán e executarán as actuacións territoriais que transcendan o ámbito municipal polo seu impacto territorial, económico e sociocultural.

Outro aspecto novo é que establece un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación "co fin de axilizar a xestión administrativa e evitar duplicidades". Así, someteranse a avaliación ambiental estratéxica, ordinaria ou simplificada na mesma tramitación, de forma que se integra o procedemento ambiental no de tramitación.

Esta norma tamén simplifica administrativamente a súa aplicación práctica, ao reducir a catro o número de instrumentos de ordenación: directrices de ordenación do territorio; plans territoriais --que diferencia entre integrados e especiais, segundo a escala e o ámbito de afección ambiental--; plans sectoriais e proxectos de interese autonómico.

Doutra banda, en virtude da lei, créase á súa vez o Rexistro de ordenación de territorio e plan urbanístico de Galicia, co que se pretende "garantir unha maior seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade". Neste rexistro deberán inscribirse todos os instrumentos de ordenación do territorio antes da súa entrada en vigor, de forma que tanto administracións como cidadanía poidan acceder ao seu contido.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. XOÁN CRESPO
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta