Unha colección con 150 títulos e 834.000 exemplares vendidos

'Fóra de xogo' de Edicións Xerais de Galicia chega ao seu título 150 coa novela de Marcos Calveiro 'Todos somos'.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/07/2013 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

Coa publicación de 'Todos somos', a nova novela de Marcos Calveiro, a colección Fóra de Xogo acada o seu título 150 tras 19 anos de existencia.

Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais
Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais

E é que esta colección de Xerais foi creada en 1994 con catro títulos (A sombra cazadora, Tristes armas, Flanagan de luxe e ¡Asústate Merche!), hoxe emblemáticos.

Entón foi recibida con "gran severidade e moitos prexuízos", segundo lembra a editora, por parte da crítica literaria galega daquel tempo. "Fóra de Xogo foise constituíndo devagariño, ao longo de dúas décadas, mesmo contra vento e marea, nun esteo de referencia para o desenvolvemento dun espazo editorial literario dacabalo entre a edición infantil e adulta", sinala o editor Manuel Bragado, director xeral de Xerais.

Pero a colección tamén serviu para contribuír a consolidar un espazo amplo de lectura en lingua galega e para axudar no esforzo do profesorado por formar un criterio literario nos estudantes do ensino secundario obrigatorio. "Foi unha colección, a que non tivemos medo en poñerlle a etiqueta de xuvenil, coa que quixemos e queremos reivindicar o pracer transgresor da lectura (eis a razón do seu nome inequivocamente futbolístico), mais tamén coa que pretendimos e pretendemos que cada persoa lectora explore as posibilidades da diversidade da narración e dos seus diferentes subxéneros", engade.

Títulos diversos

Por iso, apostouse polo carácter transversal da colección, introducindo traducións de clásicos contemporáneos e novelas de xéneros moi diversos.Así, en Fóra de Xogo atópanse novelas de terror  (Cartas de inverno, Cando petan na porta pola noite ou Pel de lobo…), de aventura (A expedición do Pacífico, Irmán do vento), de amor, de fantasia (dende Arnoia, Arnoia ás triloxías do Brindo de Ouro e Dragal…),  diarios, novelas da memoria (A sombra descalza, Noite de voraces sombras…), históricas, biografías, policiais, realistas, até as mal chamadas «novelas de instituto» (Anxos en tempos de chuvia, Unha estrela no vento…).

A día de hoxe esta colección leva vendidos 834.195 exemplares, o que supón unha media de 5.561 exemplares por título e de case 44.000 por ano. "Son cifras excelentes para a edición en lingua galega. Sen dúbida, un gran éxito colectivo da nómina de autores e autoras de Fóra de Xogo, mais tamén (e sobre todo) dos seus lectores e lectoras («Xeración Fóra de Xogo»), ao que sabemos non foi alleo o papel esencial dos mediadores, sobre todo o profesorado de ensino secundario", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta