O confinamento aumentou o insomnio entre os galegos

A porcentaxe de persoas que informaron de falta anormal de sono subiu do 23,1% ata o 36,3%.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“A situación de confinamento no contexto da pandemia do COVID-19 na nosa contorna provocou alteracións importantes na calidade do sono da poboación, incrementando os síntomas e a incidencia de insomnio”. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado en Galicia entre o 30 de marzo, tras dúas semanas de confinamento, ata o 12 de abril, cando aínda estabamos enclaustrados nos fogares durante a primeira onda da covid-19.

Insomnio
Insomnio | Fonte: Universidade de Harvard.

Os resultados do estudo, realizado por investigadores da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela e do grupo de investigación Well-Move da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, veñen de ser publicados agora na Revista Española de Salud Pública. Neles, destacan os autores, observouse unha dimunición na satisfacción do sono e un incremento na incidencia do insomnio.

Os investigadores analizaron o efecto sobre o sono durante o confinamento pola pandemia da COVID-19 nunha mostra de 451 suxeitos residentes en Galicia (todos maiores de idade), medindo, mediante un cuestionario, a súa satisfacción subxectiva co sono e a intensidade e incidencia do insomnio. Así, compararon a situación do sono na poboación antes e durante os primeiros quince días do confinamento pola COVID-19.

No cuestionario indentificáronse diferentes grupos de poboación: traballadores por conta allea, dos cales o 13,9% iniciaron teletraballo e o 18,3% non traballaban durante o confinamento; autónomos, dos cales o 20% iniciaron teletraballo e o 40% non traballaban; e desempregados, dos que só un iniciou teletraballo durante ese tempo de peche. Dos traballadores en activo, o 11,3% pertencían ao sector sanitario e só un deixou de traballar.

Para avaliar a calidade do sono, os investigadores preguntaron pola satisfacción co sono, as dificultades en concilialo, as dificultades en permanecer durmido, as dificultades para lograr sono reparador, as dificultades para espertar á hora habitual, a latencia de sono, espertares nocturnos, canto tempo antes espertaba, eficiencia do sono, cantas horas durmía, cantas horas permanecía en cama, a preocupación por funcionamento por insomnio e cantos días tomaba algo para durmir.

As respostas mostraron que houbo “cambios significativos” na percepción do sono dos suxeitos antes e durante o confinamento, agás no referido á utilización de remedios para durmir.

Os resultados mostraron, ademais, unha lixeira diminución nas horas de sono, pero cun pequeno incremento nas horas que os suxeitos permanecían na cama; é dicir, pasaban máis tempo deitados, pero espertos.

CALIDADE DO SONO

Sobre a calidade do sono, os investigadores observaron unha diminución de case medio punto na satisfacción dos enquisados e un aumento de case tres puntos nas puntuacións relativas ao insomnio.

Relacionado con isto, a porcentaxe de persoas que informaron de problemas de insomnio subiu do 23,1% ata o 36,3%, isto é, un incremento do 13%.

Os resultados tamén reflicten que non houbo diferenzas significativas entre homes e mulleres sobre a satisfacción do sono. Porén, aínda que empeorou en ambos os dous grupos a puntuación en insomnio, aumentou máis en mulleres “de forma significativa”.

Por idades, a afectación do sono foi bastante uniforme en todos os grupos de idade, agás no grupo de maiores de 65 anos, “onde non se detectaron cambios significativos”.

En canto á situación laboral, os investigadores consideran “rechamante que o único grupo que non presentaba alteracións significativas na calidade do sono foi o dos suxeitos que iniciaron teletraballo durante o confinamento”.

O estudo prestou especial atención aos sanitarios, nos que se atopou que “empeoran todas as variables de calidade do sono”, aínda que non atoparon diferenzas significativas ao comparalo coa afectación noutros traballadores.

No grupo de estudantes, estes reportaron alteracións no sono similares ás do resto de individuos; “con todo, atopouse que foi o único subgrupo onde se incrementaron as horas de sono durante o confinamento e as horas de permanencia en cama”.

CAUSAS

Entre as causas ás que atribuíron os problemas co sono, os enquisados, en xeral, indicaron “a situación laboral e económica, que lles provocaba dificultade para conciliar e manter o sono”. Pero tamén sinalaron “a incerteza sobre a enfermidade e a saúde dos seus familiares”.

Outros tamén falaron de “pesadelos ou soños recorrentes” e algúns participantes atribuíron o empeoramento do seu sono á “inactividade física, o que minguou a súa sensación de cansazo á hora de ir a durmir”. Pola contra, algúns xubilados comentaron que “mantiveron as súas rutinas e que por iso a situación vivida non lles repercutiu na calidade de sono”.

En base aos seus resultados, os investigadores deducen que “a situación de tensión xerada pola pandemia e o confinamento asociado provocou alteracións relevantes na calidade do sono da poboación” en Galicia. Se ben matizan que “as alteracións do sono que atopamos non implican per se unha indicación de gravidade, e é posible que en moitos casos remitan ao reverter as condicións que as crearon”. Pero avisan de que “non hai que menosprezar o impacto que teñen sobre a calidade de vida das persoas, así como a posibilidade de que contribúan a empeorar ou desencadear outra patoloxía psiquiátrica”.

Con todo, os expertos salientan que “non é doado identificar as causas nin os factores que provocan estas alteracións” do sono, “o que podería axudar a previlas”.

“En situacións de epidemias identificáronse factores que poden xerar un estado de ansiedade que á súa vez altera o sono, tales como medo a contraer a infección (sobre todo medo a que se contaxien os seus achegados), incerteza sobre a situación (agravada pola recepción de información inadecuada), medo pola carencia de recursos básicos e pola situación económica particular ou global. Pero especificamente, a corentena engade factores como o aburrimento, o cambio de hábitos, a redución no contacto social con sensación de illamento ou a falta de exercicio, que tamén poden afectar o sono. Algúns destes factores foron citados por participantes no noso estudo, e poden explicar en parte a menor afectación que presenta a poboación de maiores de 65 anos, ao manter algo mellor as súas rutinas diarias que outros colectivos. Tamén podería explicar a menor alteración do sono en quen inicia teletraballo, ao manter unha actividade cunha rutina diaria e un mellor contacto social, aínda que algúns autores considérano un factor potencialmente negativo”, explican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta