Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2021 | Actualizada ás 12:02
A Consellería de Sanidade decidiu suspender temporalmente as competicións de deporte federado de ámbito autonómico, así como aplicar a estes deportistas nos seus adestramentos os criterios xerais da poboación.
Segundo indicou o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, dada a evolución da covid-19 en Galicia e en base ás recomendacións do comité clínico, quedarán temporalmente suspendidas as competicións deportivas federadas de ámbito autonómico, aínda que se manterán as de ámbito estatal.
En canto aos adestramentos, os deportistas de ámbito autonómico deberán rexerse polas mesmas regras que os deportistas convencionais, con adestramentos individuais ou de grupos dun máximo de catro persoas, e estarán suxeitos tanto ao toque de queda como ás limitacións de mobilidade, alí onde se apliquen.
CRÍTICAS POR CHEGAR TARDE
Pola súa banda, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, aplaude que a Xunta de Galicia lle dea “finalmente a razón” coa súa decisión de suspender as competicións de deporte federado autonómico e “admita meses despois que hai que aplicar tamén no ámbito deportivo os criterios xerais de prevención e prudencia que se impoñen para o resto da poboación”.
Na súa opinión, o anuncio realizado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que obriga aos nosos deportistas federados a rexerse polas mesmas regras que os convencionais á hora de adestrarse (con adestramentos individuais ou de grupos dun máximo de catro persoas e a suxeición tanto ao toque de queda como ás limitacións de mobilidade, alí onde apliquen), “vén a referendar as medidas sanitarias que foi defendendo este Concello dende un primeiro momento”.
“O que a Xunta está a recoñecer, xa que queremos pensar que estas decisións se adoptan en base a criterios clínicos e non arbitrarios, é que no mundo do deporte tamén se producen contaxios. E se agora se producen, tamén se producían en agosto ou en setembro", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.