O arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro, fillo adoptivo de Ferrol

A distinción será aprobada cando se cumpren 40 anos do seu falecemento.

Por E.P. | Ferrol | 19/01/2021 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O Concello de Ferrol nomeará a Rodolfo Ucha Piñeiro fillo adoptivo desta cidade, unha distinción que será aprobada proximamente e que se materializará no ano no que se cumpren 40 anos do seu falecemento.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, en rolda de prensa
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press.

O profesional desenvolveu toda a súa carreira profesional en Ferrol e chegou a exercer como arquitecto municipal. Segundo explicou o alcalde, Ángel Mato, a proposta trasladouse ao resto de grupos na xunta de portavoces celebrada este martes, que mostraron o seu apoio á iniciativa.

"O próximo 27 de xaneiro cúmprense 40 anos da morte de quen foi arquitecto municipal durante o primeiro terzo do século XX e deixou destacadas obras, sobre todo de estilo modernista, onde a súa pegada quedou directamente ligada á nosa cidade nalgúns dos edificios máis emblemáticos que temos no centro histórico".

Esta será a primeira dunha serie de iniciativas que se van celebrar nos próximos meses sobre a figura do arquitecto, xa que en 2022 cumprirase tamén o 140 aniversario do seu nacemento.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, explicou que estas accións se están traballando de maneira transversal.

Entre elas atópase a elaboración dunha unidade didáctica "para traballar ao longo do próximo curso nos centros escolares da cidade", en Educación Infantil e Primaria; a edición dun libro sobre a obra do arquitecto e a actualización da Ruta Modernista, "que xa se está revisando".

"Ferrol está en débeda con Ucha, e o Concello vai facer un importante esforzo por poñer en valor tanto a súa obra como a súa figura", detallou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta