A USC investiga unha proba rápida para a deteción da covid

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) proporcionará case medio millón de euros para axudar ao desenvolvemento da investigación.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

Coa axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que achega preto de medio millón de euros, a USC reforza o seu compromiso na loita contra a COVID-19 a través de catro novos proxectos de investigación que exploran mecanismos que favorezan a detección temperá da enfermidade, así como o desenvolvemento de novos axentes antivirais e unha potencial vacina baseada en fermentos.

Proba rápida para a detección precoz de SARS-CoV-2
Proba rápida para a detección precoz de SARS-CoV-2 | Fonte: Fonte: Santi Alvite

“Calquera destes catro proxectos busca respostas a cuestións concretas que nos axudan a combater os desafíos que formula a crise da COVID-19 e mostran a capacidade da investigación realizada na USC de achegar reaccións áxiles a desafíos urxentes”, tal e como sinalou o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

DETECCIÓN PRECOZ DA COVID-19

Baixo a coordinación do investigador do CiMUS, José A. Costoya, desenvólvese o proxecto 'COVTES, unha proba rápida para a detección precoz de SARS-CoV-2 baseada en inmunocromatografía', é dicir, unha proba para detectar antíxenos virais nunha mostra nasal, nasofarínxea ou de saliva, o que permitirá a identificación dos casos positivos nas fases iniciais da infección.

“O desenvolvemento dunha proba que permita a detección precoz da presenza do virus en quince minutos sería de gran axuda para identificar pacientes con Covid-19 de forma temperá”, explica o profesor Costoya, quen leva anos traballando xunto co Grupo de Física de Coloides e Polímeros en sensores aplicados ao diagnóstico e tratamento de enfermidades.

“Recentemente comezaron a comercializarse probas rápidas de antíxenos, pero son poucos os test diagnósticos que permitan, con alta sensibilidade e especificidade, a detección do virus nas fases iniciais da infección de forma sinxela e rápida, garantizando o seu baixo custo e unha fácil escalabilidade industrial”, matiza Costoya ao explicar que este proxecto céntrase no desenvolvemento dunha proba que cumpra estes requisitos.

MÉTODOS QUE COMPLEMENTAN A PCR

Pola súa parte, o investigador do CIQUS, Eduardo Fernández Megía, centrarase en desenvolver métodos áxiles que complementen a proba PCR, xa que, segundo Megía: "é unha técnica lenta, custosa e que require de grandes equipos e un laboratorio de microbioloxía”, defende.

O proxecto que leva a cabo, 'Affidendrons anti-SARS-CoV-2: ferramentas multivalentes para diagnóstico temperá e terapia antiviral COVID-19' pretende desenvolver unha potente plataforma para a rápida e selectiva identificación de patóxenos que recoñeza a proteína spike na superficie do virus. "Os Affidendrons son unha ferramenta interesante para o desenvolvemento de métodos de detección de antíxeno, similares ás clásicas probas de embarazo, para o diagnóstico temperá de COVID-19”, explica Fernández Megía. 

CREACIÓN DUNHA NOVA VACINA

Outro dos proxectos de investigación é o de desenvolver unha vacina recombinante contra o SARS-CoV-2, coordinado por José Manuel Leiro Vidal do IAQBUS. “Esta vacina producirase nun sistema de expresión de proteínas heterólogas en fermentos de uso alimentario para manter a antixenicidade dos azucres presentes nas proteínas superficiais do virus”, explica Leiro Vidal.

A vantaxe desta vacina fronte ás que se están desenvolvendo actualmente é a súa seguridade, xa que é teoricamente inocua, “debido a que carece de toda posibilidade de  infectividade e tampouco presenta ningún material xenético que puidese producir calquera fenómeno de interferencia con xenes celulares humanos, como é o caso das vacinas xenéticas baseadas na inmunización con ARN”, sinala o investigador principal do proxecto.

FÁRMACOS CONTRA OUTRAS ENFERMIDADES

Por último, o proxecto liderado pola investigadora do CIQUS, Concepción González Bello, 'Novos axentes antivirais baseados en aminoquinolinas para o tratamento da pandemia actual por SARS-CoV-2’, estudará a nivel molecular como se produciría a “desactivación” da resposta inmune utilizando ferramentas computacionais e biotecnolóxicas.

Este estudará a potencialidade dos fármacos contra a malaria -a cloroquina e a hidroxicloroquina, que son aminoquinolinas- fronte ao virus, xa que poderían ser eficaces e optimizarase a súa eficacia. A vantaxe destes novos “axentes antivirais” é a súa potencia, “o que axudaría a reducir, en gran medida, os posibles efectos adversos por utilizarse en doses máis reducidas”, sinala González Bello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta