Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/01/2021 | Actualizada ás 15:07
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) esixiu á Xunta de Galicia que, ante a parálise que supón a restrición á actividade non esencial, poña en marcha "de inmediato" un plan de rescate para o sector cultural e axudas directas para os seus traballadores.
Tal e como apuntaron, a evolución da pandemia e as medidas restritivas sanitarias levaron a un punto no que "se fai inviable a actividade escénica", o que "imposibilita as opcións dos profesionais dos espectáculos en vivo de gañar o seu sustento".
Esta "nova parálise", explican, chega "tras xa case un ano de suspensións, adiamentos e incertezas". "Falamos, ademais, dun grupo de traballadores cunha serie de particularidades que os converte nun segmento de gran vulnerabilidade laboral, por mor da estacionalidade, da intermitencia e da singularidade na contratación por días de funcións e gravacións", destacan.
Ata este momento, afirma a AAAG, a Xunta "centrou a súa intervención desde que comezou a pandemia nun Plan de Reactivación dirixido unicamente a empresas e que obviou por completo a posibilidade de darlle cobertura e protección a traballadores do sector" escénico.
Ante esta situación, a AAAG reclama que a Consellería de Cultura e a Consellería de Emprego "traballen conxuntamente nun plan específico para os profesionais do sector", seguindo modelos como o levado a cabo en Cataluña no mes de novembro, no que se recollían prestacións directas a traballadores, seguros de suspensión de funcións e partidas económicas destinadas ao mantemento de estruturas empresarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.