Puy Fraga cre que a alcaldesa de Boimorto debería dimitir, aínda que o PPdeG non llo pediu

Di que o seu partido actuou "con firmeza e rapidez".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2021 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu que o seu partido actuou "con firmeza e rapidez" coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Nóvo, que o pasado venres pediu a baixa da formación popular tras coñecerse que se vacinou contra a covid-19 na residencia municipal a pesar de non formar parte do seu persoal. Puy engadiu que, en aras da "exemplaridade", a rexedora debería "deixar o seu posto".

En rolda de prensa, o portavoz popular lembrou que a alcaldesa decidiu deixar o PPdeG e deu por feito que, se esa foi a súa "resposta" á petición de máis explicacións por parte do partido, é que "non ten" outro argumento máis convincente. "E o lóxico sería que, por exemplaridade, deixase o seu posto a persoas que cumprisen mellor os códigos que nos marcamos", apostilou. Con todo, o PPdeG, en ningún momento lle pediu que fixera isto.

En todo caso, recalcou que a postura da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo é clara e que se traduce en que quen están en política deben ser "exemplares" nas súas actuacións, "sobre todo en temas de tanta relevancia política e social" como o plan de vacinación contra a covid-19, nun contexto marcado pola escaseza de dose e no que se priorizaron colectivos para que sexan inmunizados.

Antes de afirmar que, ao seu modo de ver, debería deixar o seu posto, Puy subliñou que neste tipo de casos a dimisión "depende da vontade" da propia persoa xa que un alcalde é elixido de forma directa polos seus veciños e "non existe o mandato imperativo".

Dito isto, reafirmouse en que o partido "actuou con firmeza e rapidez, pedindo explicacións que non foran satisfactorias". Despois diso, abriuse un expediente disciplinario contra a alcaldesa, que aparellaba a baixa cautelar, antes de que ela mesma solicitase deixar o PPdeG, o que paraliza o proceso interno dado que xa non é militante da formación.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PPDEG
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta