Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/02/2021 | Actualizada ás 20:11
Asociacións ecoloxistas e a formación Anova critican duramente a nova norma de Directrices da paisaxe de Galicia, publicada no DOG deste luns 1 de febreiro, ao permitir a repoboación de montes con eucaliptais ou a creación de novos parques eólicos e proxectos mineiros e, por iso, piden a retirada da lei.
A Asociación galega Cova Crea, Ecoloxistas en Acción Galicia, Asociación O Ouriol do Anllóns e a Asociación ambiental Petón do Lobo denuncian que este decreto “degrada, aínda máis, os espazos naturais ao fragmentar o territorio coa conseguinte perda de biodiversidade e valores”.
Nun comunicado conxunto, estas entidades destacan que esta norma “semella pensada para que as compañías eólicas, mineiras e espoliadoras de recursos naturais poidan implantar os seus proxectos especultivos en calquer lugar do territorio, porque cando o fagan, xa todo o espazo estará tan fragmentado e degradado polas distintas infraestruturas que xa non haberá nada que protexer”.
EUCALIPTAIS
Din que o decreto apoia, promove e favorece as plantacións forestais comerciais en todo o territorio galego, e incluso nas Áreas de Especial Interés Paisaxístico, no canto de defender a implantación e preservación do bosque autóctono. “De todas son coñecidos os fortes impactos que as plantacións comerciais teñen sobre os recursos hídricos, os aspectos físicos e químicos dos solos e a vexetación nativa”, indican ao tempo que suliñan que as plantacións comerciais “están moi lonxe de ser moderadoras ideais das paisaxes”.
Asemade, apuntan que o decreto apoia a existencia nas Áreas de Especial Atención Paisaxística (AEAP) de plantacións forestais e a presenza de especies alóctonas como os eucaliptos, no canto de prever a súa Anova demanda que inmediatamente se paralice esta irracional avalancha de instalación de eólicossubstitución polo bosque autóctono. “Ao mesmo tempo defende coa boca ancha a calidade paisaxística destes espazos e incluso fala de Áreas de Especial Atención Paisaxística libres de impactos ambientais (incendios forestais, contaminacións e deterioración dos cursos fluviais, rías e zonas húmidas, vertedoiros incontrolados, etc.) que a deterioren e supoñan unha perda ou diminución dos valores paisaxísticos propios do lugar, ao mesmo tempo que fala de plantacións forestais comerciais nas serras que contribúan a súa riqueza paisaxística”, conclúen.
ANOVA DENUNCIA FRAUDE
Pola súa banda, a formación Anova tamén denuncia que as Directrices da Paisaxe “son unha fraude que desprotexe o territorio” e segue a dar “barra libre” á instalación indiscriminada de parques eólicos sin ningún criterio racional, sin planificación e sen ter respeto pola paisaxe, medio ambiente nin polas persoas que viven no rural.
“O colmo do cinismo é que aprazan as posibles medidas concretas, ou calqueira zonificación da implantación de eólicos á revisión dun Plan Sectorial Eólico do ano 1997, que sistemáticamente se negaron a revisar durante 12 anos cada vez que dende o Parlamento galego o demandamos”, denuncia o voceiro nacional da formación, Antón Sánchez.
Así, critica que a lei só recolle dúas medidas a maiores para o sector eólico baseadas na utilización de apantallamentos para disminuir o impacto visual, “algo completamente insuficiente cando ademáis non se concretan as obrigas”. “Non gobernan para o interese xeral. Fano para empresas amigas e practican sin pudor a sportas xiratorias no sector eólico. Beatriz Mato beneficiarase agora dunha laxitude cuias base deixou preparadas cando hai apenas dous anos era Conselleira de Medio Ambiente”, declarou Antón Sánchez en alusión ao PP.
NOVA NORMA
O documento inclúe unha serie de recomendacións e normas obrigatorias que terán que cumprir os proxectos que se instalen sobre o territorio galego, tanto por parte dos particulares como das administracións públicas.
En concreto, segundo despréndese do decreto, recollido por Europa Press, terán que adecuarse a estas directrices non só novas obras ou construcións novas, senón tamén aqueles plans que se atopen en tramitación pero que o día 20 aínda non conten coa aprobación provisional do organismo correspondente.
En relación coas normas de cumprimento obrigatorio, a Xunta subliña que as infraestruturas enerxéticas --tendidos e redes, entre outros-- dos novos desenvolvementos urbanísticos deberán ser subterráneas, mentres que os proxectos de alta tensión que atravesen unha Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) terán que "calcular" o seu impacto visual "desde todas as alternativas de trazado".
Así mesmo, nas zonas declaradas AEIP tan só se permitirá a apertura dunha canteira ou mina "se está rigorosamente xustificada e non ten impacto", tal e como explica a Administración galega.
As directrices tamén pon "limitacións" respecto das plantacións de especies invasoras como os eucaliptos nos plans forestais, xa que aposta "pola promoción de medidas" para primar as frondosas autóctonas. Tamén se dará preferencia a estas especies para revexetar elementos das estradas como medianas, rotondas e noiros, pero non prohíbe as plantacións de eucaliptos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.