Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2021 | Actualizada ás 22:05
Un equipo de investigadoras da USC constatou, a través dunha enquisa en liña na que participaron 932 estudantes, que a aceptación e a reformulación positiva da situación foron as mellores ferramentas para combater psicoloxicamente a primeira vaga da pandemia por mor da COVID-19.
O equipo de investigadoras da USC identificou a interacción complexa entre os principais estresores aos que estivo sometido o alumnado da USC e analizou os esforzos realizados por estes para enfrontar as condicións estresantes.
Segundo o estudo, coordinado por Isabel Fraga -profesora do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía-, durante as semanas do confinamento estrito, as estratexias de afrontamento que contribuíron cunha maior eficacia a mitigar o impacto psicolóxico do estrés foron a aceptación da natureza incontrolable da crise, enfocarse especialmente nos aspectos positivos da corentena e tomar medidas para cambiar o que era controlable, así como establecer unha estrutura saudable na vida diaria.
Do mesmo modo, os resultados da investigación suxiren que investir o tempo en actividades de desconexión ou distracción tivo un efecto mínimo na saúde psicolóxica, e que centrarse nos demais para pedir apoio ou ofrecer axuda mesmo puido incrementar a sintomatoloxía ansióxena.
“As estratexias de afrontamento xorden como accións pro activas que poden afectar substancialmente á vivencia da crise, abrindo camiños para a inoculación psicolóxica no medio da pandemia da COVID-19”, constatan as investigadoras.
En concreto, "promover habilidades de re encadre e rutinas saudables serían formas potencialmente útiles para desenvolver actitudes resilientes entre o estudantado universitario, incluso en situacións de grande incerteza e ante a ausencia de referencias temporais externas", sentencia o equipo investigador.
PROXECTO COnVIDa-20
Este estudo forma parte do proxecto “COnVIDa-20”, que xurdiu co obxectivo de axudar a comprender o impacto das medidas de confinamento e de distanciamento social derivadas da pandemia na saúde e benestar dos estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
Os resultados deste estudo recóllense no artigo ‘A Study on the Psychological Wound of COVID-19 in Univer- sity Students’, publicado no número especial Coronavirus Disease (COVID-19): Psychological Reactions to the Pandemic de Frontiers in Psychology.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.