Os casos activos de covid-19 en centros educativos galegos baixan por segundo día consecutivo

Descenden en todas as áreas sanitarias menos en Ferrol.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/02/2021 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

Os centros educativos galegos rexistran un total de 3.852 casos activos este xoves, o que supón 65 menos que o mércores, segundo os datos feitos públicos pola Xunta. Deste xeito, prodúcese un descenso por segundo día consecutivo, despois dun incremento prolongado durante a terceira onda.

Colexio Santiago Apóstolo de Vigo
Colexio Santiago Apóstolo de Vigo | Fonte: Europa Press.

As aulas pechadas tamén baixan a 183 (11 menos que a anterior xornada). Pola súa banda, os centros clausurados en Galicia mantéñense en catro: a escola infantil Cáritas-Tui de Vigo, a municipal de Viveiro, a Jorge Juan de Fene e o centro de educación especial Miño de Ourense (acumulan 17 casos entre os catro).

No tocante a áreas sanitarias, rexístrase un descenso de casos activos en todas menos na de Ferrol, con oito infectados máis (un total de 306), aínda que é a que menos positivos ten en Galicia. Aquí, sobresae o CEIP Couceiro Freijomil de Pontedeume (17).

A área da Coruña segue á cabeza en casos totais (1.036), aínda que hai unha diminución nunha decena. Tamén se reducen as aulas pechadas ata 34, catro menos que o mércores.

Nesta área, os centros con máis casos o CPR Plurilingüe Liceo La Paz (34), CEIP Ponte dos Brozos (30) e IES Manuel Murguía (26).

A área de Vigo continúa como segunda con maior incidencia. Anótase a maior baixada en termos absolutos, 30 casos menos, e queda en 689 activos. As aulas clausuradas son 47, seis menos. O CEP Altamira de Salceda de Caselas (24) e o CPI da Cañiza (19) están á cabeza en cifras de contaxiados.

Así mesmo, os centros da área de Santiago computan 548 casos (dous menos) e 22 aulas clausuradas (soben en dúas). Aquí, sobresaen o CPR Plurilingüe La Salle (18), o CEIP A Ramallosa de Teo (16), O CEIP Plurilingüe Monte dos Postes (15) e CPR Plurilingüe San José de Cluny (15).

No caso da área de Pontevedra, os centros contan con 519 casos (11 menos) e 21 aulas pechadas (dúas menos). Destacan o CEIP Plurilingüe Cruceiro de Sanxenxo (26) e o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Vilagarcía (23).

A seguinte na listaxe é a área de Ourense con 402 positivos (catro menos) e 29 aulas clausuradas (unha menos). Hai especial afectación no CEIP A Ponte con 22 contazios e dúas unidades afectadas.

A área de Lugo conta con 352 positivos (16 menos), 12 aulas e unha escola infantil clausurada en Viveiro. Os puntos de maior afectación son o IES Río Cabe de Monforte (26) e o IES Santiago Basanta Silva de Vilalba (19).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta