O maquinista falaba por teléfono con Renfe no momento do accidente

Segundo as primeiras informacións reveladas polas caixas negras, o Alvia circulaba a 192 km/h intres antes do accidente mentres o condutor atendía polo teléfono corporativo a alguén do persoal de Renfe e consultaba un plano ou outro documento en papel para chegar a Ferrol, e descarrilou a 153 km/h, cando tentou frealo. Renfe advirte na súa 'Guía de boas prácticas' dos perigos de falar por teléfono en puntos críticos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/07/2013 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

Francisco José Garzón, maquinista do tren accidentado en Angrois, estaba falando por un teléfono corporativo cun controlador de Renfe mentres consultaba un plano ou algún outro documento en papel no momento do accidente. Inmediatamente despois, o maquinista freou e o tren descarrilou a unha velocidade de 153 km/h. na curva de A Grandeira, a 73 máis do permitido nese sitio, segundo os primeiros datos vaciados das caixas negras e revelados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE
Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE | Fonte: foon youtube

A hipótese de que o maquinista estaba consultando un plano ou algún outro documento en papel despréndese da conversa co operario de Renfe e dos sons captados polas caixas negras.

Segundo as primeiras informacións, o maquinista recibiu unha chamada dalgún operario de Renfe, supostamente un controlador, para indicarlle o camiño a Ferrol mentres manipulaba supostamente un plano [hai que salientar que Francisco José Garzón tiña xa ampla experiencia nesta liña, pola que levaba circulando un ano como maquinista do Alvia].

Hai que lembrar que o móbil de empresa que levaba o maquinista non apareceu nas investigacións da policía no escenario do accidente, polo que o vaciado de datos das caixas negras vén a aportar luz sobre unha das hipóteses que barallaban os investigadores.

Segundo indicaron a este xornal algunhas fontes, o teléfono de empresa utilízase só cando fallan as canles de comunicación habituais entre o maquinista e os controladores.

Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube
Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube

Guía de Renfe para chamadas

Europa Press adiantou que Renfe recomenda aos seus maquinistas, na súa 'Guía de Boas Prácticas', suprimir as conversas durante a condución nos puntos críticos onde se requira máis atención, así como valorar o risco antes naquelas situacións nas que voluntariamente desvíe a atención, xa sexan tratamento de averías ou consulta de documentación.

Segundo esta guía, un caso especial no control da atención constitúe o uso da telefonía móbil e dispositivos semellantes, cuxo risco reside en que é unha "actividade allea á condución que require certas demandas que compiten con esta última". 

A guía tamén considera que falar por teléfono afecta aos procesos psicolóxicos de nivel inferior máis importantes que participan na condución: "a atención e a percepción de estímulos visuais, provocando erros na recollida e percepción da información". E engádese que as consecuencias que comportan falar por teléfono diríxense "a un peor coñecemento da situación (empeoramento da conciencia situacional) e a unha sobrecarga mental que empeora a capacidade de resposta".  

Esta guía de boas prácticas para o persoal de condución inclúe as recomendacións dun colectivo de maquinistas recoñecidos na empresa pola súa experiencia, profesionalidade e hábitos. Renfe vén aplicando estas boas prácticas á formación en condución, xa que serán de referencia obrigada para a Escola Técnica Profesional de Renfe e se incorporan aos simuladores de condución.

Copias de seguridade das caixas

O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Compostela, Luís Aláez, ordenou a realización de copias de seguridade do contido das caixas, para o cal se contactou "por prevención" co fabricante, que remitiu as instrucións por escrito e en varios idiomas, informan fontes próximas á investigación.

Das caixas negras extraéronse tanto datos técnicos como de voz, e fíxose unha transcrición das conversas en tempo real, sinalan as mesmas fontes. Agora resta coñecer o informe da Policía Xudicial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

1 Max Krapp

E unha desvergoña como esos miserables aproveitan o lóxico sentido da culpabilidade do maquinista para descargarse da súa coa grata compañía dos corifeos mediáticos. As veces seria mellor baixarse na seguinte parada para non soportar a tanto fedorento. http://suicidasperezosos.blogspot.c...