Polémica en Ferrol pola compra do Concello de 2.000 máscaras para Navantia

A empresa desvincúlase da iniciativa, criticado tanto pola executiva local socialista como por BNG e Ferrol en Común.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 09/02/2021 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O Concello de Ferrol acaba de adquirir 2.000 máscaras para ser entregadas aos traballadores de Navantia e da industria auxiliar. Con todo a decisión xerou polémica e críticas tanto desde os grupos da oposición, da propia executiva local socialista como da empresa naval, que se desvinculou da compra.

Angel Mato e Ana Lamas
Angel Mato e Ana Lamas | Fonte: Concello de Ferrol.

En concreto, o anuncio publicado no portal transparencia da Administración local, na súa sección de contratos menores, xustifica esta medida "como apoio desde o Concello de Ferrol ante a grave situación de falta de carga de traballo nos estaleiros".

O importe deste contrato ascende a 7.240 euros (3,62 euros por unidade) e foi adxudicado a 'Suministros Cuefu S. L.', situada no Mercado da Magdalena de Ferrol.

Fontes de Navantia trasladaron que a empresa se desvinculou por completo desta iniciativa. "Non ten nada que ver con este anuncio e non se dirixiu nin ao Concello nin a ningunha administración en relación con compras de máscaras".

Neste sentido, a compañía matiza que "está cuberta polas súas propias compras de máscaras dos distintos tipos" e defende, ademais, que o seu protocolo de certificación "é moi estrito".

CRÍTICAS DE PSOE, BNG E FeC

Os integrantes da executiva do PSOE en Ferrol, a cuxa fronte está Beatriz Sestayo, rexeitaron a decisión do Goberno local, dirixido precisamente polo socialista Ángel Mato.

Aseguran que a executiva local "non apoia a compra por parte do Concello de Ferrol de máscaras para a empresa pública Navantia" e instan o goberno municipal "a investir esta cantidade económica en persoas, familias e sectores ou colectivos vulnerables"

Ferrol en Común e BNG tamén mostraron a súa oposición a este gasto executado pola administración local.

O grupo liderado por Jorge Suárez considerou "inaceptable" o gasto, cando a súa prioridade debe ser "atender ás necesidades máis próximas dos veciños", e pediu explicacións sobre os criterios para realizar esta repartición.

"Vanse antepor intereses publicitarios e electoralistas a cuestións tan delicadas como o emprego, a saúde, a seguridade e o benestar", engaden, para lembrar que reclamaron un informe de Intervención "sobre a legalidade deste contrato e a súa revogación ou redirección aos sectores máis vulnerables e necesitados".

Desde o BNG, Iván Rivas, considera esta decisión "inaceptable", tendo en conta "a precariedade social da cidade". "Existen colectivos importantes de persoas nunha situación de vulnerabilidade e con serias dificultades para acceder a este tipo de material de protección", sinalou, que "deberían de ser prioritarios".

"A PETICIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA"

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, xustificou a compra en que se tratou dunha "petición do comité de empresa de Navantia", e enmarcouna no obxectivo de "visibilizar a situación" na que se atopa o sector e a propia cidade.

"Estes cubrebocas levan impreso o lema 'Emprego, futuro, comarca'", explicou, polo que "se trata unicamente de material reivindicativo" e que "nada teñen que ver cos miles de máscaras" entregadas ao longo das pasadas semanas.

"Boa parte delas xa lles foron entregadas aos representantes dos traballadores da empresa pública para que se poidan exhibir nas mobilizacións que teñen programadas", explicou, a pesar de que este contrato foi adxudicado no mediodía do pasado venres e ten que pasar por un proceso de serigrafiado.

Ademais, Mato anunciou que se axudará ao comité a sufragar varios autobuses para unha visita reivindicativa que os traballadores teñen prevista a Madrid, á que acudirá o propio rexedor entre outros alcaldes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta