O PIB galego experimentará un crecemento de entre un 4,8% e un 8,8% en 2021, segundo o Foro Económico

Segundo un estudo deste organismo, o PIB experimentará dúas evolucións segundo avance a pandemia.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

O Foro Económico de Galicia, nunha análise recollida no documento 'Previsións de crecemento para a economía galega. PIB de Galicia ano 2021', lanzado este venres, 19 de febreiro, pola entidade prevé que a economía galega medre entre un 4,8% e un 8,8% no 2021.

Foro Económico de Galicia. FORO ECONÓMICO DE GALICIA - Arquivo
Foro Económico de Galicia. FORO ECONÓMICO DE GALICIA - Arquivo

Asinado polos economistas Santiago Lago, José́ Francisco Armesto, José́ María da Rocha, Fernando González Laxe e Patricio Sánchez, o estudo analiza os escenarios prospectivos da entidade para este ano. Así, contemplan para Galicia dúas posibles evolucións dependendo fundamentalmente da evolución sanitaria da pandemia, da velocidade e eficacia do proceso de vacinación e, a partir de aí, da normalización da vida económica.

“A evolución máis optimista suporía un crecemento do +8,8% do PIB e a pesimista un aumento do PIB ao redor do +4,8%. Pola contra, no caso de que fose preciso realizar un novo confinamento semellante ao dos meses de marzo e abril de 2020, sufriría unha caída do -1,5% do conxunto do ano”, indican desde o foro.

IMPACTO DOS FONDOS NEXT GENERATION EU

Con respecto a estas previsións, os responsables da análise recoñecen que non recollen o impacto positivo dos Fondos Next Generation EU "polas incertezas que existen aínda sobre os proxectos tractores que serán apoiados e a súa ubicación xeográfica e tamén pola celeridade na execución".

Deste xeito, indican en nota de prensa dende a entidade que, "supoñendo que o impacto en Galicia sexa homoxéneo respecto ao que o Banco de España ten cuantificado para a economía española, as cifras anteriores elevaríanse, respectivamente, ata máis dun 10,1% e máis dun +5,4%".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta