O PP suxire aos socialistas que cambien de líder durante o debate da lei de acción exterior

A norma foi aprobada cos votos positivos do PP fronte aos negativos do PSdeG e a abstención do BNG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2021 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

A lei de acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia quedou aprobada este martes no Parlamento co voto a favor do PP, que ostenta a maioría absoluta. O 'non' veu só da bancada do PSdeG, xa que o BNG optou pola abstención a pesar das "grandes discrepancias de fondo" que mantén co texto.

O debate ao redor desta norma, levada pola Xunta ao Lexislativo tras acordala co Ministerio de Asuntos Exteriores para evitar un recurso de constitucionalidade, incluíu episodios de enfrontamentos.

Un deles, cando o deputado popular Alberto Pazos suxeriu ao PSdeG a celebración do Congreso galego "que ten pendente". "E oxalá poñan á fronte dese grupo a alguén que teña algo que ofrecerlle ao pobo galego", esgrimiu, en referencia ao secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero.

Pero este non foi o único rozamento producido durante a sesión, xa que o viceportavoz do PSdeG na Cámara, Pablo Arangüena, reavivou polémicas en torno ao "clientelismo" da acción exterior da Secretaría Xeral de Emigración, como o buraco detectado polo Tribunal de Contas na xestión de axudas a españois en Venezuela entre 2015 e 2016. "É, presumiblemente, a punta do iceberg", dixo o socialista.

Ademais, lembrou a detención por corrupción do exdirector xeral de Pemex, Emilio Lozoya, --impulsor da compra do estaleiro vigués de Barreiras por parte da petroleira-- e insinuou a súa vinculación co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo: "A miúdo, a xente coa que aparece nas fotos acaba en prisión".

Tras isto, o popular rexeitou estas acusacións e lembrou a polémica ao redor da suposta axente electoral do PSOE que en 2008, en tempos do bipartito, supostamente realizara unha viaxe a Arxentina pago pola Xunta. "Os que cometeron irregularidades foron vostedes", espetoulle Pazos.

Tamén o deputado do BNG Luís Bará entrou neste enfrontamento. E é que, ao criticar a negativa do PP a permitir na lei partidos dunha selección galega de fútbol no estranxeiro, referiuse á condena por prevaricación e fraude do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, polas obras nun campo de fútbol cando foi presidente da Deputación de Pontevedra co PP. "A que están a esperar vostedes para pedir responsabilidades?", preguntoulles Bará aos populares.

SOBRE A LEI DE ACCIÓN EXTERIOR

No que incumbe á lei de acción exterior, o socialista Pablo Arangüena xustificou o 'non' dos socialistas con que o ordenamento xurídico estatal xa contempla a participación das comunidades na rede española de embaixadas e consulados.

De igual modo, para o PSdeG este texto demostra a "incapacidade" da Xunta para aproveitar o "potencial cultural e económico" da rede de galegos no exterior e para evitar que "decenas de miles de profesionais" teñan que saír de Galicia en procura de oportunidades.

Pola súa banda, Luís Bará (BNG) non escatimou en críticas, pero celebrou a "actitude máis receptiva" do PP con esta lei en comparación a outros debates. De feito, saudou a aceptación de varias emendas como transaccións, o que motivou finalmente a abstención do seu grupo.

UNHA POLÍTICA EXTERIOR "TUTELADA"

Con todo, si censurou que o texto sexa "froito dunha visión tutelada, domesticada e sometida ao control preventivo do Goberno central" e á lei estatal de acción exterior do 2014 aprobada polo Executivo de Mariano Rajoy como unha "lei antipolítica exterior de Cataluña".

Así mesmo, lamentou que sexa un proxecto "falto de ambición de país", que "podería valer para unha rexión, para Estremadura ou para Andalucía", pero non para dar a "unha nación" como Galicia "voz propia no mundo", para o que puxo de exemplo a Euskadi. Bará tamén criticou que a Xunta considere "exterior" ao norte portugués e "en cambio Madrid non", mentres propuxo a instauración de delegacións de Galicia en Lisboa e en Bruxelas.

E reclamou que a política exterior da Xunta "estea dirixida por unha secretaría xeral" e non por dúas, como actualmente ocorre --a de Emigración e a de Relacións Exteriores--; e a creación dun Instituto Rosalía de Castro para a promoción da cultura galega no exterior.

UNHA LEI "MAGNÍFICA" E "SEN CONFRONTACIÓN"

Pola súa banda, Alberto Pazos (PP) reivindicou que a de acción exterior "é unha lei magnífica, equilibrada, plural e útil", e destacou que nace "sen confrontación institucional", xa que se elaborou "da man do Goberno de España", do PSOE. Disto mesmo serviuse para atacar ao PSdeG, do que considera que está no Parlamento "para negarse a calquera acordo co PP en calquera tema".

O deputado popular tamén defendeu ante o BNG que, aínda que as súas emendas son "lexítimas", son tamén "ilegais". Así, aseverou que "ningún" dos 42 escanos do PP "pode aceptar que o resto de españois sexan estranxeiros" en Galicia.  "Non existen motivos reais para non apoiar este texto e é improbable que en toda a Lexislatura teñamos outro texto con máis consenso que este", remachou Pazos.

Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta