Seguen en descenso os hospitalizados con covid pero aumentan lixeiramente os novos contaxiados

Os novos contaxios soben a 320 e a taxa de positividade repunta a un 4,7%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados en Galicia seguen en descenso, con 48 menos, ata os 586, deles 121 en UCI --doce menos--. Tamén se mantén a tendencia descendente nos casos activos de coronavirus, que se sitúan en 6.772 unha xornada antes de que se inicie a desescalada progresiva co alivio de medidas na Comunidade galega.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste mércores, nos que se indica que, ademais dos 121 hospitalizados con UCI, hai 465 ingresados noutras unidades, o que supón 36 menos que a xornada anterior.

Os hospitalizados con coronavirus descenden en seis das sete áreas sanitarias galegas, xa que na da Coruña e Cee mantéñense 42 pacientes en UCI e hai 145 noutras unidades --dúas máis--.

Esta xornada o maior alivio corresponde á área de Lugo, que conta con 13 ingresados con Covid-19 en UCI --tres menos-- e 27 noutras unidades --dez menos--; a de Ourense pasa a ter cinco en críticos --tres menos-- e 47 noutras unidades --nove menos--; mentres que na de Ferrol continúan 11 en UCI e baixan a 74 os doutras unidades --11 menos--.

Pola súa banda, na área de Pontevedra e O Salnés hai 16 hospitalizados con coronavirus en UCI --un menos-- e 49 noutras unidades --seis menos--; na de Vigo caen a 18 os que están en críticos --tres menos-- e a 53 os doutras unidades --dúas menos--. E na de Santiago e Barbanza seguen 70 noutras unidades e descenden a 16 os críticos --dous menos--.

MENOS CASOS E MÁIS CONTAXIOS

Mentres, os casos activos de Covid-19 manteñen a tendencia descendente en Galicia e sitúanse en 6.772, o que implica 520 menos que os rexistrados ata a xornada anterior. A redución é xeneralizada nas sete áreas sanitarias, dúas das cales se manteñen por encima do milleiro de casos activos; a da Coruña e Cee, con 2.185; e a de Vigo lixeiramente, con 1.056. Pola súa banda, a de Pontevedra e O Salnés rexistra 930; a de Santiago e Barbanza, 742; a de Ferrol, 719; a de Lugo, 702; e a de Ourense, 438.

Por contra, os novos contaxios diarios detectados por calquera tipo de proba repuntan lixeiramente ata os 320 --fronte aos 279 da xornada anterior--, deles 260 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Destes últimos, 76 corresponden á área da Coruña e Cee; 62 á de Vigo; 39 á de Pontevedra e O Salnés; 27 á de Santiago e Barbanza; 22 á de Lugo; 19 á de Ferrol; e 15 á de Ourense.

POSITIVIDADE E PCR

En canto á taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test PCR realizados-- incrementouse a un 4,7 por cento, tras baixar a un 3,3 por cento o día anterior, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) marca como máximo para dar por controlada a pandemia.

Un home sométese a un test de antígenos. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Un home sométese a un test de antígenos. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ulan Bator

Unha aposta. Dentro de dúas semanas superamos os 500 casos diarios outra vez. Despois que fagan a proba do algodón.