Feijóo di "non" aspirar a dirixir o PP estatal e non ten coñecemento sobre "ningunha discusión" interna

"O presidente do partido é o presidente do partido e ao presidente do partido correspóndelle liderar o partido que preside" remarcou o presidente do PP galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que "non" aspira a dirixir o PP estatal, á vez que remarcou que non lle consta que haxa "ningunha discusión" sobre o liderado do seu partido, que encabeza Pablo Casado, a quen, como presidente, "corresponde liderar o partido que preside".

"Non hai ningunha discusión respecto diso, polo menos que eu coñeza. Non hai ningunha novidade. O presidente do partido é o presidente do partido e ao presidente do partido correspóndelle liderar o partido que preside", sentenciou, tras ser preguntado acerca de se hai no PP algún problema de liderado con Casado á fronte.

Tras a reunión semanal do seu Executivo, Feijóo tamén foi preguntado expresamente acerca de se ten algunha aspiración de liderar o PP estatal. O presidente da Xunta e un dos 'baróns' máis poderosos da formación popular replicou que esa pregunta "é un clásico", antes de engadir que a resposta "tamén é un clásico".

"E a resposta é que non", aseverou o mandatario galego, quen periodicamente estivo nas 'quinielas' ante un posible salto á política nacional, e cuxo protagonismo recobrou forza despois dos malos resultados obtidos polo PP nas últimas eleccións catalás.

"CADA UN TEN A SÚA ÓPTICA SEN MENOSCABAR A LEALDADE"

Preguntado acerca de se ten problemas coa presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, quen reprochou o envío de "recados" a Casado a través dos medios, unhas declaracións que se vincularon directamente co presidente galego, que tivera varias entrevistas, Feijóo respondeu que a súa compañeira de partido xa "aclarou" que as súas manifestacións "non tiñan nada que ver" con el.

Por iso, considerou que "non merece a pena" entrar a debater este tipo de cuestións e remarcou que na súa formación "prima a lealdade á direccion". Iso si, agregou que se trata dun partido "grande" no que "cada un ten a súa óptica" e "posicionamento". "Pero sen para nada menoscabar" ao partido nin ao seu líder.

PREGUNTAS SOBRE BÁRCENAS

Preguntado acerca de se é coñecedor de que Pablo Casado mantivese contacto cos expresidentes Mariano Rajoy ou José María Aznar para formularlles preguntas sobre o extesoureio Luís Bárcenas, dado o recente encontro que mantivo con el en Madrid, Feijóo contestou que non lle consta "para nada".

"Non me consta para nada que fixese preguntas aos expresidentes, a min non mas fixo e non creo que teña dúbidas respecto diso", subliñou Feijóo, quen evitou dar detalles da súa conversación con Pablo Casado. Si recalcou que o seu "contacto" con Casado é frecuente, xa sexa por vía telefónica ou con presenza física, e é "habitual" que manteñan reunións cando o dirixente galego ten axenda en Madrid.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lois

O amigo de Dotado ten os pés na Galiza e a cabeza en Madrid,.....ou ao revés....