O sector turístico descarta a Semana Santa, pon as súas esperanzas no verán e pide ampliar o Xacobeo a 2022

Ven con "medo" poder dar "pasos en falso" e pagalo durante a tempada estival.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/02/2021 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O tradicional arranque da tempada turística durante a Semana Santa parece ser que, un ano máis, non se producirá. Inmersos aínda na desescalada da terceira onda da covid-19, o sector mira para estes días festivos co "medo" de poder dar "pasos en falso" e pagalo durante a tempada de verán, na que xa teñen a vista posta.

Praia na Mariña (Lugo)
Praia na Mariña (Lugo) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Cando está a piques de facerse un ano das restricións que lastraron a este sector todos estes meses, a inmensa maioría dos empresarios galegos do ámbito hoteleiro non depositan esperanzas na Semana Santa. Máis ben ao contrario, expresan o seu temor a que "por uns días a medio gas", as cifras poidan volver dispararse e págueno con restricións de cara ao verán.

Así o explicaron distintos hostaleiros e entidades relacionadas co sector, que, nas circunstancias actuais, prefiren pór por diante a precaución e a espera a que o proceso de vacinación lles outorgue mellores expectativas. Ao mesmo tempo, destacan, as reservas son nulas.

É o caso da hostalaría compostelá, sen reservas para Semana Santa e coa vista xa posta no verán. "Temos un pouquiño de medo á Semana Santa, que a xente se empece a mover e empece a perderse o norte e paguémolo todos no verán", explica Sara Santos, presidenta de Hostalaría Compostela.

Fronte a iso, Santos aposta por agardar un pouco máis, "a controlar máis a situación e a que sigan chegando vacinas" para poder "garantir o verán". "Hai moita ansia de saír, sabemos que o día que abran vai vir xente, e moita, pero é mellor que sexa con calma", apunta.

Estas expectativas están alimentadas polos propios clientes. E é que, a finais do mes de xaneiro, os establecementos composteláns rexistraron un pequeno "boom" de reservas de face ao verán, sobre todo para os últimos meses, un proceso que é "lento", pero que esperan consolidar.

De momento, sen actividade apenas no aeroporto compostelán e con Galicia perimetrada, o esperado non pasa máis que porque algúns galegos collan o coche e se acheguen a Santiago aproveitando a supresión dalgúns peches municipais.

De feito, Sara Santos constata que "moitísimos" establecementos hoteleiros da cidade permanecen pechados "e, de momento, sen visos de abrir". "Nos hoteis -polo gasto fixo-- dá o mesmo ter dúas habitacións ocupadas que cheo, para abrir hai que ter un mínimo garantido", apela.

EVITAR "PASOS EN FALSO"

Na mesma liña, desde o Clúster Turismo de Galicia apelan a non mirar a curto prazo e ser "cautos e responsables" para evitar "dar pasos en falso" que prolonguen a actual situación de sufrimento, tanto da poboación como dos empresarios.

"Neste contexto, e dada a situación actual, non parece razoable que podamos crear expectativas con respecto á Semana Santa", apuntan fontes do Clúster, que apelan a "un escenario de tranquilidade e seguridade que só chegará cando se controle a pandemia".

En calquera caso, o sector non cre que a actividade de Semana Santa, en función de como estean entón as restricións, pase de galegos que se despracen no seu propio vehículo, en grupos reducidos, a destinos "moi próximos" e durante "períodos moi curtos", algo que aínda non pode considerarse unha reactivación.

Por iso, en función de que a xente vaia perdendo o temor a moverse e avance a vacinación, os responsables do Clúster cren que "é posible pensar que no verán poida comezar ese proceso de recuperación".

Así, instan a prepararse para esta "realidade transitoria", na que cobra especial relevancia dar seguridade sanitaria aos clientes e actividades en grupos reducidos ou ao aire libre. "Debemos ser conscientes de que o turismo exterior, con desprazamentos en avión, en tren ou en autobús, probablemente non virá a Galicia este ano", recoñecen.

E destacan entón a importancia da ampliación do Xacobeo ata o final de 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta