Condenada Alu Ibérica por lesionar o dereito á folga na Coruña

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, que foi despedido recentemente, destaca que a sentenza "deixa clarísimo o acoso e derrubo" que sofren os traballadores. Alu Ibérica afirma non ter notificación do fallo.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/03/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social número 1 da Coruña condenou a Alu Ibérica a pagar unha indemnización de 6.250 euros a cada un dos membros do comité de folga coruñés e cada un dos sindicatos por lesionar o dereito á folga.

Os traballadores de Alu Ibérica protagonizan unha protesta coincidindo cun mitin do presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, na Coruña. COMITÉ DE EMPRESA DE ALU IBÉRICA
Os traballadores de Alu Ibérica protagonizan unha protesta coincidindo cun mitin do presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, na Coruña. COMITÉ DE EMPRESA DE ALU IBÉRICA

A xuíza indicou na sentenza, á que tivo acceso Efe, que a empresa "lesionou o dereito fundamental á liberdade sindical" na súa vertente do dereito á folga. Así, ordenou o "cesamento inmediato" do "comportamento vulnerador dos dereitos fundamentais" permitíndose ao comité de folga o acceso ao centro de traballo "a fin de poder exercer todas aquelas funcións e obrigacións que lle son propias".

Por iso, condenou á entidade a abonar a cada un dos sindicatos demandantes e cada un dos membros do comité de folga unha indemnización por importe de 6.250 euros "como resarcimiento polos danos e prexuízos provocados por tal actividade vulneradora de dereitos".

Ademais, a titular do xulgado considerou probado que o 26 de decembro a dirección da empresa "deu instrucións expresas" aos vixiantes de seguridade "para impedir o acceso" dos membros do comité de folga ao centro de traballo e aos locais sindicais. Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

"ACOSO E DERRUBO"

Ao coñecer o fallo, o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica A Coruña, Juan Carlos López Corbacho, que foi despedido recentemente, dixo que "é unha boa noticia" aínda que lembrou que a compañía ten a posibilidade de interpor un recurso.

"A sentenza deixa clarísimo o acoso e derrubo que sofre a representación dos traballadores", considerou López Corbacho, que incidiu en que se lesionou "de maneira flagrante" o dereito á folga ao non permitir o acceso ás instalacións dos representantes sindicais.

Pola súa banda, fontes da compañía Alu Ibérica consultadas por Efe aseguran que aínda están a estudar a sentenza e que aínda non tomaron unha decisión sobre un posible recurso.

RESPOSTA DA EMPRESA

En resposta, Alu Ibérica asegura non ter recibido "ningunha notificación xudicial" sobre a sentenza e afirma tamén que ao equipo legal que representou a compañía neste proceso "tampouco lle foi notificada resolución algunha a través da plataforma LexNET, servizo oficial da Administración de Xustiza".

"Por este motivo, a empresa non pode valorar o contido de ningún documento, ao non coñecelo", sinala.

Ademais, manifesta o seu malestar "ante a difusión pública dunha sentenza privada que non foi notificada pertinentemente e ao mesmo tempo ás partes interesadas, como parece ser a situación".

RESPOSTA DOS SINDICATOS

Os sindicatos CCOO, UGT e CIG reclamaron ao Goberno central e á Xunta a súa implicación tras a condena a Alu Ibérica por vulneración do dereito á liberdade sindical na fábrica coruñesa, segundo coinciden en sinalar en respectivos comunicados nas que mostran a súa satisfacción pola sentenza do Xulgado do Social número 1 de Reforzo da Coruña.

"É vital unha participación activa por parte das administracións", expuxo o secretario xeral de CCOO en Galicia, Ramón Sarmiento, quen pide non deixar "en desamparo" aos traballadores, cuxas reivindicacións cualifica de "xustas".

Ademais de mostrarse convencido de que o resto de iniciativas xudiciais emprendidas polas tres centrais seguirán a mesma liña que esta, pediu que a sentenza sexa "un estímulo suficiente para que o conxunto das administracións reaccionen".

Á súa vez, a CIG acolle con satisfacción o fallo, que condena tamén ao pago dunha indemnización á empresa, e afirma que é "un paso máis na batalla contra a persecución e a represión sindical exercida pola dirección".

"CHAMADA DE ATENCIÓN"

Tamén indica que ten que ser "unha chamada de atención" para que os gobernos español e galego "como avalistas do proceso de venda da fábrica, asuman dunha vez a súa responsabilidade na procura dunha solución industrial".

Pola súa banda, UGT-Galicia congratulouse polo contido do fallo. "Cando se ataca aos representantes dos traballadores, atácase ao conxunto dos traballadores", recalca. Tamén indica que os sindicatos non se van a "minorar ante determinadas prácticas empresas, como as de Alu Ibérica". No entanto, incide en que "a loita non terminou aquí".

Así, ademais de instar á empresa a "deixar estas prácticas antisindicais", asegura que as protestas van continuar "para esixir á dirección o cumprimento dos compromisos adquiridos no proceso de compra". Na mesma liña, solicita "unha acción coordinada" por parte do Ministerio de Industria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta