Un estudo promovido pola Deputación de Ourense investiga o papel das mulleres no audiovisual galego

Así mesmo, estudarase se as temáticas tratadas ou o tipo de personaxes teñen algunha relacion coa composicion por sexo do equipo de dirección e produción.

Por E.P. | Ourense | 05/04/2021 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense promove un estudo sobre o papel das mulleres no audiovisual galego, tanto no ámbito profesional como no dos contidos das producións estreadas en Galicia durante 2020. O estudo buscará analizar o tipo de relacións que teñen os personaxes femininos e os masculinos, os roles, estereotipos de xénero que transmiten e situacións de violencia de xénero, analizando o impacto real.

Así mesmo, estudarase se as temáticas tratadas ou o tipo de personaxes teñen algunha relacion coa composicion por sexo do equipo de dirección e produción. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, afirmou que "é un traballo pioneiro no cinema galego" que verá a luz na próxima edición do Festival de Cinema de Ourense, que comezará o 24 de setembro

Baltar asinou este luns o convenio coa asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais (CIMA) e a Fundación Carlos Velo, no que se enmarca este traballo e posteriores estudos sobre a industria audiovisual en Galicia. Así, o punto de partida para o estudo serán as series, películas, animacións e series webs de produción ou coprodución galega emitidas en cadeas públicas, privadas e mesmo plataformas de pago e posteriormente na TVG.

"É unha iniciativa cargada de relevancia pois supón un paso que non se deu ata o momento", asegurou Baltar pondo en valor que sexa na próxima edición do OUFF cando se presenten os resultados e subliñando que se trata de "unha cita moi importante" para o cinema galego. "Damos un paso máis, facendo unha mirada introspectiva cara ao audiovisual galego para ver a situación real da muller, para marcar os novos retos e ser autoexigentes", manifestou.

Pola súa banda, a representante de CIMA, Chelo Loureiro, agradeceu o apoio da Deputación e manifestou que se trata dun estudo "da representación feminina en todos os contidos". Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, destacou que "o mundo audiovisual, ademais de diversión, é educación e por iso hai que saber empregalo".

ACTIVIDADES CULTURAIS

Por outra banda, esta mesma mañá a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases para as concesións de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas. Considéranse actividades culturais aquelas que "difundan, exalten ou poñan en valor o patrimonio cultural material ou inmaterial de Ourense" incluíndo desde a edición e impresión de libros ata obras audiovisuais en calquera soporte.

En canto ás recreativas, abarca actividades lúdicas de lecer de carácter público e gratuíto. De ambas poderán presentarse ata un máximo de 3 proxectos sendo a contía máxima dispoñible para a concesión de 100.000 euros. Tamén se aprobaron as subvencións de festivais, ciclos, mostras ou actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais que se desenvolvan na provincia de Ourense e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano. Poderase presentar un máximo de tres proxectos por solicitante e a contía máxima será de 60.000 euros.

Actividades nunha das edicións anteriores do Laboratorio Audiovisual de Vedra
Actividades nunha das edicións anteriores do Laboratorio Audiovisual de Vedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta