Entidades sociais galegas chaman a marcar a 'X solidaria' na declaración da renda

Calculan que se os case 600.000 galegos que non a marcaron o pasado ano o fan serían 13 millóns máis para programas "máis que nunca necesarios" pola crise.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/04/2021 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

Entidades sociais galegas fan un chamamento "de auxilio" aos case 600.000 galegos que non marcaron a 'X solidaria' da renda na campaña de 2020 para que si o fagan na que acaba de arrincar este ano.

Entidades sociais chaman a marcar a 'X solidaria'
Entidades sociais chaman a marcar a 'X solidaria' | Fonte: Europa Press

Ante a actual crise sanitaria e social, lanzan unha mensaxe "de emerxencia solidaria" a estas persoas, ao calcular que, de marcala, serían 13 millóns de euros máis os que se poderían destinar a programas "máis que nunca necesarios", para combater a pobreza e o risco de exclusión.

Un grupo de representantes e integrantes de colectivos sociais protagonizaron un breve e simbólico acto este xoves na Praza da Quintana, que se replica noutras localidades galegas e nas redes sociais.

Nel, leron un manifesto que cifra en 594.100 os galegos que non marcaron a 'X solidaria' en 2020, cando, "a pesar do confinamento, conseguiuse que case seis de cada dez galegos marcasen o recuadro". Foron, segundo os seus números, 20.000 máis que no ano anterior, o que significou un total de 20 millóns de euros, 2 máis que en 2019.

O escrito advirte da previsión dunha menor recadación debido á situación económica, e chama a que isto "non poña en perigo a supervivencia de programas e organizacións" sociais. O seu servizo, incide, é agora "máis que nunca necesario" ao estar "na primeira liña loitando contra os catastróficos efectos da pandemia" da covid.

"Non custa nada", chamaron a atención, no acto, Patricia Blanco, da xunta directiva de APN Galicia, Luciano Fernández, de Cermi e Xesús Vilas, da plataforma de organizacións da infancia galega. Á Xunta, pola súa banda, demandáronlle "que reduza a burocracia" e unifique as convocatorias de axudas para este tipo de entidades

Blanco alertou sobre o "gran incremento" na demanda dos servizos sociais que ofrecen, onde acode agora "xente cun novo perfil, que non estivera en exclusión" e á que urxiu a "sacar" desta situación para que "non se cronifique".

Pola súa banda, Fernández alertou do "incremento do empobrecemento en xeral no ámbito da discapacidade", dado o volume de traballadores en ERTE, entre outros motivos.

Mentres, Vilas chamou a atención sobre o impacto da crise nos nenos, xa que "as familias teñen cada vez máis problemas" no actual contexto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta