O BNG defenderá no Congreso a concesión "obxectiva" das indemnizacións ás vítimas do amianto

Presentará emendas á normativa para que non sexa necesario "probar posibles neglixencias"

Por E.P. | Compostela | 12/04/2021 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Congreso as indemnizacións para as vítimas do amianto e que se recoñeza tanto as prestacións como o acceso obxectivo ás mesmas por parte deste colectivo.

En concreto, presentará emendas á Proposición de Lei mediante a que se creará o Fondo de Compensación para as Vítimas do Amianto, "para garantir que se recoñeza, con cargo a ese fondo, a concesión das recargas nas prestacións, así como a objetivización das condicións de acceso".

Así o anunciou este luns o deputado nacional do BNG, Néstor Rego, nunha reunión mantida en Ferrol coa Asociación Galega de Vítimas do Amianto (Agavida) na que trataron a Proposición de Lei que será sometida este martes a toma de consideración do Pleno do Congreso.

Na reunión estiveron presentes tamén o parlamentario galego Ramón Fernández, o portavoz municipal Iván Rivas e a responsable comarcal Mercedes Tobío. Pola súa banda, Agavida enviou unha delegación da directiva da asociación encabezada polo seu presidente, Xoán Xosé Pita.

Tanto o grupo político como a asociación coincidiron na "conveniencia e urxencia" de creación do Fondo de Compensación, "que leva anos paralizado na tramitación parlamentaria", pero matizaron tamén "a necesidade" de mellorar determinados aspectos do texto para "garantir o adecuado tratamento das vítimas".

A creación do fondo, explicou o BNG nun comunicado, pretende evitar a xudicialización dos procesos de reclamación que "fai máis lenta a concesión das indemnizacións" e nos que as vítimas deben probar non só que a súa enfermidade se debe á exposición ao amianto, senón tamén que a súa empresa traballaba con ese material.

Labores de desamianto após a explosión pirotécnica en Tui
Labores de desamianto após a explosión pirotécnica en Tui | Fonte: Concello de Tui

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta