Investigadores galegos alertan de novas formas de contaxio da Covid entre animais

Un estudo suliña a relevancia de estudar os factores ambientais que poderían afectar a eventuais brotes futuros por coronavirus e outros microorganismos patóxenos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As transformacións das cepas da Covid 19 e o seu rápido contaxio están abrindo novos campos de investigación que van xa máis alá dos factores humanos e apuntan tamén a factores medioambientais. De feito, así o recolle un recente estudo de investigadores galegos que fan fincapé na necesidade de estudar as condicións ecolóxicas e, especialmente, os contactos entre animais e persoas, para evitar novas transmisións do virus.

Micrografía electrónica de transmisión de partículas do virus SARS-CoV-2, illada dun paciente e con realce da cor, do Instituto estadounidense de Alerxia e Enfermidades Infecciosas (NIAID), en Hamilton
Micrografía electrónica de transmisión de partículas do virus SARS-CoV-2, illada dun paciente e con realce da cor, do Instituto estadounidense de Alerxia e Enfermidades Infecciosas (NIAID), en Hamilton | Fonte: Montana (Estados Unidos de América). NIAID - Arquivo

Aínda que se realizaron investigacións previas para detectar e cuantificar o virus en varios tipos de materiais e superficies,  estes investigadores consideran que se debe prestar maior atención á propagación do SARS- CoV-2 a través de aerosois, non só xa de persoa a persoa, senón tamén (principalmente pensando en eventuais mutacións futuras) ás transmisións entre especies de animais.

Un contaxio que se podería facilitar e aumentar a través das feces, vía oral, ou que afecten  e modifiquen as características actuais da transmisión de aerosois ou transmisións mediadas por superficies sólidas ou líquidas. Ata o de agora téñense confirmado contaxio de determinados animais a humanos e viceversa, principalmente, de gatos e visóns.

Este estudo, “SARS-CoV-2 and other main pathogenic microorganisms in the environment: Situation in Galicia and Spain”, acaba de ser publicado no último número da revista Environmental Research. Está asinado por Raquel Cela-Dablancaa, Vanesa Santás-Miguel, David Fernández-Calviño, Manuel Arias-Estévez, María J. Fernández-Sanjurjo, Esperanza  Álvarez-Rodrígueza e  Avelino Núñez-Delgado pertencentes as facultades de Ciencias da Universidade de Vigo e a Politécnica de Lugo da Universidade de Santiago.  

FACTORES AMBIENTAIS

A investigación destaca que, no contexto da actual pandemia de COVID-19, e principalmente desde unha perspectiva ampla, "é claramente relevante estudar os factores ambientais que poderían afectar eventuais brotes futuros por coronavirus e outros microorganismos patóxenos".

Imaxes de realidade virtual da estructura das proteínas do coronavirus SARS-CoV-2
Imaxes de realidade virtual da estructura das proteínas do coronavirus SARS-CoV-2 | Fonte: Martín Calvelo, Ángel Piñeiro, Rebeca Garcia-Fandino, An immersive journey to the molecular structure of SARS-CoV-2: Virtual Reality in COVID-19, Computational and Structural Biotechnology Journal, 2020.

Tras unha análise de datos sobre a situación en Galicia e España e a comparación con distintos estudos xa publicados, os investigadores suliñan “para tratar e controlar esta e calquera outra eventual enfermidade epidémica futura, tanto a nivel local como global, débese prestar unha profunda atención a aspectos ecolóxicos e ambientais que teñen efectos sobre o planeta, os seus ecosistemas e as súas relacións e asociacións coa probabilidade de propagación de eventuais pandemias futuras”.

Neste sentido, insisten en que a investigación básica adicional debe centrarse nas condicións ecolóxicas xerais que favorecen a eventual propagación futura de pandemias. Así, lembran que investigacións anteriores advertiron respecto diso e que “algunhas actividades  antropoxénicas que afectan o medio ambiente teñen relevancia mundial neste sentido” e apuntan a unha transmisión de animal a humano de microorganismos patóxenos que ata o de agora estiveran restrinxidos aos hábitats naturais.

“Por iso, débense realizar investigacións adicionais para definir claramente as accións globais e locais a tomar para evitar e minimizar as modificacións ambientais que aumentan a probabilidade de favorecer novas pandemias por coronavirus, outros virus ou calquera outro microorganismo patóxeno”, indican.

AUGAS RESIDUAIS

O estudo tamén apunta a outros aspectos xa máis estudados como é o da presenza do virus da Covid 19 en augas residuais. Así, sinala que os residuos de fármacos antivirais, especialmente os asociados ao tratamento de COVID-19, detectáronse cada vez máis en augas residuais e diferentes compartimentos ambientais.  Por iso, alertan que a resistencia aos antivirais tamén podería crecer debido ao maior uso deste tipo de moléculas promovido pola situación pandémica.

Neste sentido, os investigadores consideran necesario que se siga afondando neste tipo de investigacións “como ferramenta de alerta temperá”. Tamén sinala a posibilidade de iniciar unha nova investigación centrada na detección e cuantificación do  SARS- CoV-2 en varios compartimentos ambientais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta