Alcoa foi a industria máis contaminante de Galicia no 2020, por diante das Pontes

A planta de San Cibrao emitiu un millón de toneladas de C02. O movemento ecoloxista denuncia a "falta de ambición" da Xunta á hora de reducir a contaminación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2021 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Continúa a loita do movemento ecoloxista galego contra os principais puntos de emisión de gases contaminantes situados na Comunidade. A plataforma Galiza, un futuro sen carbón vén de emitir un comunicado no que recolle a listaxe das plantas máis contaminantes de Galicia, entre as cales destacan a fábrica de Alcoa en San Cibrao e a central de carbón das Pontes.

Imaxe da fábrica de Alcoa en San Cibrao. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Imaxe da fábrica de Alcoa en San Cibrao. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Os datos correspóndense, por suposto, a 2020; xa que, nestes momentos, ambas instalacións atravesan períodos de incerteza que, agás sorpresa, rematarán no seu peche final. Ese é o caso da central das Pontes, que de acordo con Galiza, un futuro sen carbón “segue a ser unha grande fábrica de crise climática” “a pesar do acusado descenso da súa actividade” no ano 2020.

De feito, o ano da covid supuxo un baixón xeneralizado nas emisións de centrais de carbón de Galicia: o nivel de residuos tóxicos emitidos ao aire descendeu nun 45’5%, conta na que quizais tivo que ver a morte da central de Meirama, en Cerceda. “Como resultado da súa menor produción, as emisións de gases causantes de cambio climático das térmicas de carbón baixaron de 2,5 a 1,5 millóns de toneladas entre 2019 e 2020”, apuntan dende a plataforma. 

UN MILLÓN DE TONELADAS

Malia que a baixada é acusada, a plataforma non deixa pasar o dato de que a central das Pontes emitiu un millón de toneladas de dióxido de carbono --1.005. 656, exactamente--. Só unha empresa supera a conta: a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao, que se pon por diante con 1.045.103 toneladas de CO2; é dicir, máis dun millón de quilos desta substancia contaminante. Calcúlase que un coche particular emite un quilo en arredor de 7 quilómetros de circulación.

Para a plataforma, os datos --recollidos, segundo apuntan, dun informe da Comisión Europea-- dan conta da “enorme falta de ambición climática da Xunta”, en particular “no relativo á descarbonización da xeración eléctrica”. Segundo destacan dende a formación, os plan de descarbonización do Goberno de Feijóo son asumibles para a industria galega por ser, precisamente, pouco esixentes. 

“O obxectivo de redución das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático para 2030 foi alcanzado xa en 2019”, explican. “A estratexia climática da Xunta confórmase cunha redución do 24,6% das emisións en 2030, en comparación con 1990”, engaden, a respecto dunha redución que, a falta de datos oficiais, xa se podería ter dado en 2020 polo descenso de actividade ligado á pandemia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta