O BNG, único partido no Parlamento galego que defende eliminar patentes de vacinas e fármacos contra a covid-19

O Bloque acusa a conservadores e socialistas de apoiar "intereses das farmacéuticas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O grupo do PPdeG votou en contra dunha iniciativa parlamentaria presentada polo BNG na que esta formación defendía apoiar a proposta internacional para a exención de dereitos de propiedade intelectual de produtos contra a covid-19 mentres dure a pandemia e ata que se alcance a inmunidade de grupo a nivel global.

Varios viarios coa vacina de AstraZeneca
Varios viarios coa vacina de AstraZeneca | Fonte: Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press.

A iniciativa, defendida pola deputada Montserrat Prado no pleno ordinario que este mércores acolleu o Pazo do Hórreo, tamén buscaba esixir que non se limite ningunha vacina que supere os controis sanitarios e que se incorporen todas as aprobadas aos procesos de adquisición. Ademais, aspiraba a pedir á Xunta que se sumase á proposta e que demandase ao Goberno e a Comisión Europea actuar do mesmo xeito para "protexer o dereito das persoas á saúde e a vida". Mentres, os deputados do PSdeG abstivéronse.

No debate, populares e socialistas advertiron de que unha liberalización das patentes podería desincentivar a investigación privada no futuro e defenderon a incorporación da subministración ás vacinas que aprobe a Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés). Fronte a iso, o BNG argumentou que se podería impulsar unha investigación pública e lembrou que o desenvolvemento das vacinas por parte das farmacéuticas contou con apoio de institucións.

Ademais, o PSdeG presentou unha emenda para que Galicia achegase 75 millóns de euros ao fondo estatal para a adquisición de vacinas para Estados con menos recursos, e que o BNG rexeitou ao considerar que representa "un fondiño" para este fin.

Na defensa da iniciativa, Montserrat Prado lembrou que o proxecto Covax para apoiar a distribución de vacinas en países en desenvolvemento prevía que nos primeiros 100 días de 2021 se comezase a administrar en todos os países, pero que en 14 o proceso non deu comezo nese prazo e nalgúns outros "foi testemuñal". "Se estamos diante dunha pandemia mundial, teremos que actuar de modo global", resolveu a deputada, que lamentou que "PP e PSOE se poñan de lado dos intereses das farmacéuticas".

Adicionalmente, Prado reprobou que se limite a adquisición de vacinas ás desenvolvidas no "espazo OTAN". Tamén criticou que se adoptasen medidas que "afectaron a dereitos fundamentais" como a liberdade de mobilidade para loitar contra a pandemia, pero non se opte por establecer a liberalización das patentes a pesar de que "existe un precedente" na loita contra o VIH.

VALIDACIÓN DE VACINAS

Por parte do PSdeG, o deputado Julio Torrado remarcou a necesidade de utilizar "o criterio científico" para validar as vacinas e, a este respecto, defendeu a avaliación realizada pola EMA.

Aínda que destacou a importancia de realizar unha estratexia de vacinación a nivel global para superar a pandemia, advertiu de que a liberalización das patentes das vacinas "non faría que se producisen máis rápido" e afirmou que para adoptar esta medida debería alcanzarse un acordo internacional. Tamén sinalou que esta decisión podería levar que as farmacéuticas optasen por non investigar ante a aparición dunha nova variante da covid-19.

A deputada do PPdeG Marta Rodríguez-Vispo asegurou que "a solución do BNG vai no camiño de destruír o incentivo da investigación", para a que remarcou que resulta preciso "un estímulo". "Non hai que penalizar as empresas que desenvolven vacinas", defendeu.

Deste xeito, sinalou que "rescindir patentes que son compatibles coa investigación pública" e "minguar" a privada "non sería beneficioso". Así mesmo, alertou de que esta medida non levaría unha redución de ingresos para as farmacéuticas, dado que contan con contratos asinados para a venda das doses e "exporía á UE a demandas multimillonarias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta