A doutora Pilar Rodríguez Ledo gaña o premio de investigación Nóvoa Santos da Asociación de Médicos Galegos

A actual vicepresidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia foi cualificada de "referente" no campo da Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

A Asociación de Médicos Galegos (Asomega) decidiu por maioría conceder o XXII Premio de investigación Nóvoa Santos á doutora María Pilar Rodríguez Ledo, actual vicepresidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), co que "se recoñece á Atención Primaria".

A doutora Pilar Rodríguez Ledo
A doutora Pilar Rodríguez Ledo | Fonte: Asomega.

A asociación explicou que o xurado valorou da premiada "a dilatada traxectoria asistencial, así como en investigación, formación, innovación e desenvolvemento profesional, durante a que realizou notables achegas á humanización e calidade da asistencia, mantendo un destacado compromiso coa sanidade e a sociedade galega".

Dentro da SEMG, Rodríguez Ledo é responsable de formación, investigación, formación sanitaria especializada e innovación, e actualmente está involucrada na elaboración dunha guía clínica de atención e seguimento da covid-19 persistente.

Ademais, é subdirectora médica da Estrutura de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte; e profesora da Facultade de Enfermaría do Campus de Lugo da Univerisdade de Santiago de Compostela.

Asomega recalcou que "nestes tempos de pandemia, resulta aínda maior se cabe a débeda do sistema sanitario no seu conxunto coa Atención Primaria" e lembrou que as bases do premio recollen que se tería en consideración "a relevancia da actividade desenvolvida polos candidatos, valorada en función das circunstancias sociais, sanitarias e asistenciais do momento".

"Hai tarefas fundamentais que non cuantifican como factor de impacto e boa parte do labor que se fai desde Primaria non obtén o recoñecemento que merece.

Ademais, afrontar retos como o envellecemento da poboación e a dispersión xeográfica, tan características de Galicia, obriga a unha implicación do primeiro nivel asistencial que non se valora na súa xusta medida", lamentou a xunta directiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta