Naturgy irá a xuízo polas sospeitas de "incumprimentos" na súa explotación do Río Verdugo

O ecoloxismo denuncia que a presa hidroeléctrica do Río Verdugo reduciu a auga por debaixo do límite necesario para que os peixes sobrevivan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Novo episodio do enfrontamento entre o ecoloxismo galego e a compañía Naturgy a raíz da explotación do Río Verdugo. Uns meses atrás, as plataformas A Rente do Chan e Pladever denunciaron que a Xunta de Galicia deixara caducar un trámite administrativo para que Naturgy puidera seguir explotando as súas instalacións na chamada Ponte Inferno, que se localiza neste río da provincia de Pontevedra.

Encoro no Río Verdugo
Encoro no Río Verdugo | Fonte: ADEGA

Desta vez, as denuncias contra os supostos incumprimentos da empresa chegarán a xuízo. Todo comeza en decembro de 2018, cando esta mesma plataforma puxo en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia as hipotéticas infraccións que se estaban a cometer no aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno. Segundo apuntan dende a plataforma, con esta petición “lograron que a Fiscalía se interesase e iniciase averiguacións sobre os distintos expedientes que se están a tramitar tanto en Augas de Galicia coma en Medio Ambiente”.

Deste interese derivará a vista xudicial á que a plataforma acudirá o vindeiro 21 de abril para “defender unha máis o río Verdugo do aproveitamento hidroeléctrico incontrolado de Ponte Inferno”. Na sesión deixarán claro, previsiblemente, que, ademais dos “graves incumprimentos que se viñan producindo dende practicamente o inicio da concesión”, no ano 2019 foi detectado un caudal ecolóxico “moi por baixo do esixido pola lei”, unha circunstancia da cal a plataforma xa remitiu probas á Fiscalía.

SEN INSTRUMENTOS DE MEDICIÓN

Por caudal ecolóxico enténdese o nivel mínimo de auga que un curso fluvial ten que levar para garantir que os seres vivos que o habitan poidan sobrevivir nel. Segundo a plataforma, esta sería a segunda vez que Naturgy “incumpre o caudal ecolóxico de forma flagrante”. Con todo, aclaran que o Río Verdugo non conta cun “mecanismo medidor que facilite a detección dos incumprimentos”, aínda que segundo a organización este sería “obrigado por lei”. 

“Isto significa que poderían estarse incumplindo os caudais ecolóxicos varias veces ao ano, sen que ninguén o detecte; non hai ningunha denuncia presentada polo propio departamento de Augas de Galicia, que sería o organismo encargado de velar pola integridade dos ecosistemas fluviais”, subliñan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta