Imos falar claro

Verán vostedes neste chuvioso inicio de outono galego, unha serie de informacións sobre as distintas reunións que están a manter os distintos partidos nacionalistas galegos, para conformar unha candidatura unitaria ás eleccións europeas do ano próximo.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 08/10/2013

Comparte esta noticia
Probablemente o cualificativo máis aproximado para resumir o resultante destes encontros entre familias que pertencen a un árbore  xenealóxico común, sexa o de frustrante. Uns e outros divagamos sobre posibilidades de unidade, cara a fóra, mentres nos respectivos cuarteis xerais, os plans de batalla para a contenda electoral, sitúan aos peóns de cada un en diferentes taboleiros do mapa do Estado. Hai un grado de cinismo tan alarmante, que os voluntaristas que pensamos que esa unidade sería esencial para poder ter representación galega directa no Parlamento europeo, seguímonos dando de bruzos contra unha realidade alimentada polo ego dos que no fondo non aspiran a gobernar algún día esta terra.
 
É certo, que dende un punto de vista cuantitativo, que entrar no Parlamento europeo cunha circunscrición única no Estado, supón a necesidade de máis de 300.000 sufraxios; o que non teño tan claro é se para acadalos, o nacionalismo ten que perder a esencia do que tiña que ser, buscando fórmulas mixtas as hoc, polo simple feito de acadar representación, ter financiamento “español”, e disfrazar todo como unha loita contra a II Restauración borbónica, a cambio do “advenemento” de líderes cuxo subconsciente, failles pensar na súa condición de Napoleón IV.
 
O nacionalismo galego vive un momento crucial e moi complexo da súa historia, no que ten que decidir que quere ser de maior. Probablemente os que hai anos dicían que o vieiro é a soberanía, e a día de hoxe pactan lexitimamente candidaturas con forzas cos seus centros de decisión en Madrid, deberían pensar se están introducindo elementos  até o de agora esóxenos á política galega, para quedarse, en prexuízo da loita durante décadas, de persoas que conciben Galicia como unha nazón.
 
Así pois, se non vira o rumbo de xeito pouco probable, aqueles que pensamos que unha representación de forzas con centros de decisión en esta terra debe ir conxuntamente a unhas eleccións para representar en Europa os intereses galegos, seguiremos agardando a que algún día unha nova caste de galeguistas permitan loitar conxuntamente por esta terra, mentres os egos xubílanse a discutir nas tabernas, sobre filosofía cuántica de corte nacionalista, ou sobre economía aplicada nas explotacións colectivas dos Koljós…
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA