Volven aumentar os novos contaxios e os hospitalizados Covid que superan os 200

Os casos activos tamén soben e superan os 2.810 e a taxa de positividade ascende a un 2,3% na Comunidade galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron en Galicia a 188, o que supón 57 máis que a xornada anterior, e os pacientes ingresados por este coronavirus superan a barreira dos 200 e ascenden a 202 --catro máis-- nunha xornada na que volveron a ascender os casos activos a 2.811, despois de reducirse lixeiramente o martes tras once días consecutivos en ascenso.

Así se desprende dos datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste martes, recollidos por Europa Press, nos que constan 40 pacientes Covid ingresados en UCI --tres máis-- e 162 noutras unidades --un máis--.

A presión hospitalaria aumenta nas áreas de Ourense e Pontevedra-O Salnés, mentres que diminúe nas da Coruña-Cee e Lugo; e mantense nas de Vigo, Ferrol e Santiago-Barbanza. En concreto, na área de Ourense aumentan a oito os pacientes Covid en UCI --un máis-- e a 18 os doutras unidades --catro máis--; mentres que na de Pontevedra e O Salnés ascenden a seis os críticos --un máis-- e seguen 24 noutras unidades.

Por contra, na da Coruña e Cee soben a 10 as persoas ingresadas en UCI --unha máis-- e baixan a 55 os doutras unidades --dúas menos--; e na de Lugo continúan catro en críticos e descenden a sete os doutras unidades --un menos--.

Mentres, na de Santiago e Barbanza seguen cinco en UCI e 17 noutras unidades; na de Vigo continúan seis en críticos e 31 noutras unidades; e na de Ferrol hai un en UCI e 10 noutras unidades, tamén sen cambios.

MÁIS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos, tras o lixeiro descenso rexistrado este martes pasado despois de once xornadas consecutivas de incremento paulatino volveron a subir e sitúanse en 2.811, o que supón 48 máis, ao haber máis contaxios (188) que altas (139). Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en cinco do sete: Vigo (+26), Pontevedra e O Salnés (+12), Ourense (+10), Santiago e Barbanza (+6) e Lugo (+4), mentres que baixan nas da Coruña e Cee (-8) e Ferrol (-2).

Deste xeito, a área de Vigo continúa á cabeza en casos activos en Galicia, con 760; seguida da da Coruña e Cee, con 681; Pontevedra e O Salnés, con 452; Santiago e Barbanza, 361; Ourense, 245; Lugo, 207; e Ferrol prosegue á cola, con 105.

REPUNTAN OS CONTAXIOS

Polo seu lado, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba volveron a repuntar ata os 188 --o que supón 57 máis que o día anterior--, tras caer a 131 este martes despois de iniciar esta semana con 154.

Galicia confirmou 179 positivos --74 máis que a xornada pasada-- con probas PCR nas últimas 24 horas, dos que 68 corresponden á área de Vigo; 30, á da Coruña e Cee; 23, á de Ourense; 22, á de Santiago e Barbanza; 17, á de Pontevedra e O Salnés; 16, á de Lugo; e tres, á de Ferrol.

Dispositivo de cribado masivo para detectar positivos por coronavirus en Expourense, en Ourense, Galicia, a 6 de febreiro de 2021.. Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press / Europa Press
Dispositivo de cribado masivo para detectar positivos por coronavirus en Expourense, en Ourense, Galicia, a 6 de febreiro de 2021.. Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press / Europa Press

Mentres, a taxa de positividade ascendeu a un 2,3 por cento tras caer a un 1,6% o día anterior, despois de iniciar esta semana cun 1,2%. Así, mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta