Galicia contará co seu primeiro grao e máster interuniversitarios de Intelixencia Artificial no curso 2022-2023

A titulación contará con tres especialidades que se impartirán na Coruña, Ourense e Santiago.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/05/2021 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

Galicia contará co seu primeiro título de grao e de máster interuniversitario en Intelixencia Artificial, unha nova proposta formativa que se impartirá nas tres institucións académicas a partir do curso 2022-2023.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o tres reitores
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o tres reitores | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Esta oferta académica impulsarase a través do acordo subscrito este mesmo martes entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o tres reitores das universidades públicas galegas, Julio Abalde (UDC), Antonio López (USC) e Manuel Reigosa (UVigo).

Tanto o máster como o grao terán consideración de título interuniversitario, é dicir, que se xestionará de forma coordinada e impartirase nas tres institucións públicas. En concreto, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Compostela, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e na Facultade de Informática da Coruña.

Os contidos do grao serán comúns nos dous primeiros anos da titulación, mentres que os dous exercicios seguintes serán específicos para cada unha das facultades nas que se impartirá. Deste xeito, cada centro desenvolverá a súa propia especialidade no marco do mesmo título de Intelixencia Artificial.

O obxectivo é ofrecer anualmente 150 prazas de novo ingreso no caso do grao e 60 no máster, cunha repartición de prazas equitativa entre as tres universidades galegas (50 e 20 cada unha, respectivamente).

A partir de agora, a Xunta e as tres institucións traballarán na planificación da oferta, e as universidades terán que iniciar a elaboración das memorias de verificación dos títulos co fin de arrincar a súa impartición no curso 2022-2023.

Feijóo destacou o "acordo histórico" que permitirá impartir un título destas características "por primeira vez" na historia do sistema universitario galego, dunha forma "intelixente" e "territorialmente equilibrada" no tres institucións académicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta