Allariz rematará este ano con 500 composteiros individuais e 15 comunitarios

Estas son as previsións do concello que ten como obxectivo alcanzar o 50% de reutilización e reciclaxe de residuos. Ademais, vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación en colaboración coa asociación ecoloxista ADEGA.

Por X.M. Fernández | Allariz | 06/05/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Coincidindo coa Semana Internacional da Compostaxe (ICAW) --do 5 ó 11 de maio--, o Concello de Allariz vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación sobre a redución, reutilización e reciclaxe dos nosos residuos en colaboración coa asociación ecoloxista galega ADEGA. A súa execución prolongarase ata o mes de novembro e estará centrada especialmente na compostaxe.

Colectores no Concello de Allariz. Foto: Prensa concello
Colectores no Concello de Allariz. Foto: Prensa concello

Esta campaña conta coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia,  e está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, sendo a inversión subvencionable de 41.471,50 euros.

DESENVOLVEMENTO DA CAMPAÑA

Farase entrega de 200 composteiros de uso individual de entre 450 e 850 litros, para a recuperación da materia orgánica producida nos fogares que dispoñan de finca, preferentemente nos núcleos rurais do municipio. Ademais disto crearanse novas áreas de compostaxe comunitaria cun total de 15 composteiros comunitarios de gran capacidade.

Con esta entrega situaríanse por riba dos 500 os composteiros de uso individual instalados no Concello, sendo o obxetivo superar o 50% na separación e reciclaxe dos residuos xerados en Allariz ao longo do ano 2021.

Paralelamente, técnicas de ADEGA executarán charlas divulgativas no CEIP Padre Feijoo e no IES de Allariz e tamén se efectuarán visitas porta a porta para a concienciación e explicación da importancia da separación, recordando que máis do 40% do lixo que producimos é de orixe orgánica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta