O xuíz teme que os investigados do Colexio de Enfermaría de Pontevedra queiran influír nas testemuñas

Rexeita poñelos en liberdade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2021 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O xulgado de instrución nº 2 de Vigo denegou a solicitude de liberdade formulada pola defensa do presidente do Colexio oficial de Enfermaría de Pontevedra (COEPO), Carlos F.G., a súa muller e a súa filla, que se atopan en prisión por presuntas irregularidades na xestión do organismo.

No mes de abril, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou o recurso interposto polos investigados contra o auto que determinou o seu ingreso en prisión, ao entender de que existía risco de que puidesen influír en testemuñas que aínda non prestaran declaración no xulgado de Instrución 2 de Vigo, que coordina a investigación.

A Audiencia advertiu, na devandita resolución, que as testemuñas son persoas vinculadas a Carlos e a súa familia por "contratos privados ou dependencia económica" e recomendou a súa comparecencia "o máis axiña posible", ademais de constatar indicios de que se cometeron delitos de administración desleal, branqueo de capitais e falsidade documental.

Posteriormente, a defensa solicitou de novo a súa posta en liberdade ao entender que ditas comparecencias xa concluíran, cuestión que nega o xulgado neste novo auto emitido o xoves. O auto indica que se sinalaron dúas declaracións máis, a secretaria administrativa de Xestión Xurídica Galega e unha empregada do IGAF, xunto a outro tres membros de empresas que daban cobertura contable ás mercantís.

Xulgados de Vigo.
Xulgados de Vigo.

INVESTIGACIÓN

No marco deste procedemento, están a ser investigados o presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, a súa muller e a súa filla (os únicos que están en prisión provisional); a tesoureira e o exasesor xurídico da entidade; e tres persoas que farían o papel de homes de palla do presidente, figurando á fronte de varias empresas.

A investigación iniciouse tras a denuncia do secretario do Colexio, José Faustino Portela, e destapou supostas irregularidades na xestión das cotas que cobraba o organismo aos colexiados. De feito, o Colexio foi condenado en dúas ocasións pola falta de pagamento da porcentaxe correspondente desas cotas ao Consello Xeral de Enfermaría de España.

Ademais desa situación, tamén se produciron supostamente irregularidades vinculadas co pago de servizos a empresas 'fantasma', tras as cales estarían o presidente do organismo e os seus familiares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta