É posible repoboar o rural galego?

Entidades avogan por unha repoboación "planificada" e políticas que garantan servizos. Limitan a volta dalgunhas persoas á recuperación de casas para o fin de semana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Unha repoboación "planificada", políticas de apoio ás actividades económicas e a dotación de servizos son algunhas das propostas que desde distintas entidades consultadas por Europa Press expoñen para frear o despoboamento do rural. Sobre a volta de persoas ao mesmo, apostan por fomentar vivenda social e emprego, mentres limitan os casos de regreso, pola pandemia, ao uso de vivendas como fin de semana.

Para recuperar poboación, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, incide na necesidade de impulsar estratexias baseadas na dinamización económica do rural "e nun acceso adecuado aos servizos para a poboación e as empresas". "É indispensable mellorar o sistema de financiamento e incluír os factores de dispersión e envellecemento da poboación".

"A repoboación temos que planificala ao redor dun proxecto que garanta a súa sustentabilidade", argumenta tamén tras apelar á colaboración de Xunta e concellos. "Que teñen moitísimo que dicir", incide sobre estes últimos. "A volta da poboación ao rural debe ser pensada e ordenada ou poderiamos esnaquizalo", engade ao expor que este non debe perder a súa "esencia nin riqueza".

Cancela de madeira ao carón da Ronda de Outeiro, na Coruña
Cancela de madeira ao carón da Ronda de Outeiro, na Coruña | Fonte: aldeasgalas.gal

E, para iso, considera que unha das medidas debe ser un cambio no modelo de financiamento estatal. "A día de hoxe, os seis concellos de máis de 500.000 habitantes, que representan ao 18% da poboación, perciben o 33% da participación total todos os anos". "Se mantemos este modelo de repartición, é totalmente inviable que o rural poida aspirar a ofrecer os servizos que se requiren".

SUBSTITUCIÓN XERACIONAL

Desde a Federación Rural Galega (Fruga), o seu presidente, Xurxo Álvarez, sostén que para que estes municipios "vivan" deben promoverse actuacións vinculadas ás actividades agrarias, gandeiras e forestais. "Para manter as explotacións e asegurar a continuidade das mesmas", sinala en relación á substitución xeracional.

E iso, suliña, "pasa por establecer mecanismos de prezos dignos para o que é preciso regular os contratos de compra-venda da produción". A iso, suma políticas para incorporar xente ao rural, con medidas que garantan servizos. "Escolas, transporte público, acceso a Internet...", cita como exemplos.

PROPOSTA DA VEIGA

En relación a iso, o alcalde da Veiga --concello premiado pola Xunta polo seu impulso á demografía-- explica que fai seis anos iniciaron un proxecto transversal, que inclúe desde rehabilitación de vivendas en réxime de aluguer --fíxose xa con 20 e o obxectivo é facer outras 40 en dous anos-- para atraer poboación.

"Isto implica crear postos de traballo na construción", cita o rexedor, Juan Anta, que alude a outras iniciativas "como pago de autónomos no primeiro ano" aos que decidan trasladarse ao municipio ou as vinculadas á natalidade. Tamén destaca as relacionadas co turismo sustentable, relacionado co recoñecemento do municipio como "un dos mellores ceos do mundo" ou a creación dunha marca propia como a de "o mel ou a faba" con apoio a produtores a través de instalacións que achega o concello.

RECUPERAR TERRAS ABANDONADAS

Mentres, desde a Consellería do Medio Rural explican que as actuacións autonómicas teñen un carácter transversal a través de distintos departamentos e resaltan medidas como a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, actualmente en trámite parlamentario. "Para pór en valor terras en estado de abandono ou infrautilización e devolvelas á produción, coa consecuente xeración de riqueza que nos axudará a fixar poboación no rural".

Á súa vez, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda alude aos programas específicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) como a adquisición ou rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Aldea dos Pretos, en Vilalba
Aldea dos Pretos, en Vilalba | Fonte: Eliseo Trigo. EFE.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta