A estación de Manzaneda abrirá todo o ano e funcionará como un "parque de aventura"

A nova empresa que xestionará a estación quere converter este espazo nunha "referencia para o norte de España e Portugal".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/05/2021 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A estación de montaña de Manzaneda, en Ourense, reabrirá as súas portas o próximo 12 de xuño coa intención de permanecer activa todo o ano e converterse en "a estación de montaña de referencia para o norte de España e Portugal" tanto en época de neve como cando non a haxa.

Os seus novos xestores, Artabria Turismo, prevén ofertar unha ampla lista de actividades relacionadas co turismo activo, a natureza, o deporte e a aventura. "En definitiva, trátase de lograr a ansiada desestacionalización con feitos, antes que con palabras, convertendo o verán nunha estación forte do ano", explican, nun comunicado.

Desde o 24 xuño ata o 11 de setembro a estación de montaña permanecerá aberta, con todas as súas instalacións e servizos operativos, os 7 días da semana. O resto do ano (desde setembro ata finais de xuño), operará durante todos os fins de semana, xa desde o venres, e festivos.

ACCESO E PASES

Para mellorar o acceso, a empresa tamén renovou a súa imaxe de marca e habilita desde leste mesmo mércores unha nova páxina web e servizo de venda en liña a través de www.manzaneda.com.

Tamén se estrea un novo plan de pases e prezos, máis alcanzables e reducidos para nenos, familias numerosas, persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. Cunha soa entrada será posible acceder a todas as instalacións e servizos da estación: bike park, remontes, piscina, instalacións deportivas, servizos de restauración, rutas de sendeirismo e de marcha nórdica, parque multiaventura, tirolina xigante, tiro con arco ou orientación deportiva.

Deste xeito, a mecánica de funcionamento de Manzaneda "será a dun parque de aventura". Fronte á pandemia, ofrecerá todo tipo de actividades de lecer, deporte, cultura e gastronomía ao aire libre e nun espazo seguro.

Plano da estación de Manzaneda
Plano da estación de Manzaneda

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta