“Americanos, os recibimos con alegría…”

Dende que o mundo é mundo, a espionaxe é parte importante dun Sistema, no que todos son conscientes da súa existencia, mais compiten a ver quen disimula mellor.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 01/11/2013

Comparte esta noticia
Estes días a Europa comunitaria, vese alporizada polas noticias filtradas ao respecto da espionaxe da Axencia de Nacional de Seguridade dos USA (NSA). Tanto Xermania como Francia, protestan iradamente e anuncian medidas diplomáticas contundentes contra os seus teóricos aliados estadounidenses, pola picada masiva de conversacións telefónicas sufrido. Non é para menos… a demostración de invasión na soberanía de outro territorio por parte dos Estados Unidos, é xa unha longa tradición, na que a chamada “democracia máis importante do mundo”, pasa por riba do dereito internacional, e sobre todo do respecto e a ética aos demais, nunha demostración imperialista condenable.
 
Xa dende os tempos da antiga Roma existe esta práctica, que tan bos réditos deu á literatura mundial, e ás estratexias nas distintas guerra sufridas ao longo da Historia; mais o dos americanos é especialmente curioso, nun país que ten recibido premios Nobel da paz a persoeiros tan fascistoides e intrigantes como Henry Kissinger. O dato do coñecemento de Obama sobre esta situación, non fai máis que reforzar a miña consideración de que non existen Presidentes progresistas nos Estados Unidos, existen simplemente Presidentes dos Estados Unidos, e todos cortados polo mesmo patrón.
 
Mais, como se dunha película de Berlanga se tratase, o Estado español denuncia esta situación, e chama ao embaixador americano a consultas, cando se demostra que a suposta intelixencia española, -o CNI-, colaborou activamente para dita espionaxe. Nunha situación máis propia de cómic de Mortadelo e Filemón, e coa capacidade de resolución de Pepe Gotera e Otilio, a diplomacia española fai un monumental ridículo ao coñecerse que son un país submiso ao “grande irmán” americano. Sería moito mellor rematar con debates sobre o Estado das autonomías ou das nazóns dentro do Estado, para ser un país asociado aos Estados Unidos ao máis puro estilo de Puerto Rico. O aforro sería substancioso e non perderíamos o tempo tendo dúas axencias de espionaxe, cando en realidade podemos ter unha soa, a americana.
 
Curioso sería saber o interese dos americanos nas conversas que puideran ter Zapatero ou Rajoy, dado o coñecido peso internacional de ambos persoeiros, porque seguramente estas non fosen moito máis alá da transcendencia de coñecer como quedou o Barça de Guardiola no seu momento, ou o resultado da etapa da Volta a España de quenda… porque aquí de gobernar, pouco…
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA