Sanidade teme que a posibilidade de elixir entre Pfizer e AstraZeneca cause atrasos na vacinación

A Xunta ultimará este luns o protocolo para citar "a próxima semana" as 93.000 persoas de menos de 60 anos que agardan a segunda dose. A conselleira recoñece que xa non pode confirmar se a finais de xuño se poderá comezar a inmunización de menores de 50 anos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2021 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade ve "posible" que a elección entre recibir a segunda dose de Pfizer ou de AstraZeneca por parte dos menores de 60 anos leve un atraso no calendario de vacinación previsto polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así o recoñeceu este domingo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nunha entrevista concedida á Radio Galega, na que xa non pode confirmar se a finais de xuño podería comezar a inmunización de menores de 50 anos tal e como anunciou o luns o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Sanitarios vacinan a persoas maiores de 80 anos coa dose de Moderna e policías, bombeiros e profesores coa vacina de AstraZeneca no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Sanitarios vacinan a persoas maiores de 80 anos coa dose de Moderna e policías, bombeiros e profesores coa vacina de AstraZeneca no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Europa Press.

"Neste momento as previsións vannos cambiar, porque vai depender de que esas 93.000 persoas (de menos de 50 anos que recibiron a primeira dose de AstraZeneca) decidan ter unha segunda dose de Pfizer", dixo, xa que as vacinas deste modelo que vaian para este colectivo non irán para os seguintes.

"Apróbase darlle a segunda dose de Pfizer pero non se nos envía máis vacinas. É dicir, co mesmo número de doses hai que cubrir tanto unha poboación como outra", explicou Durán, para seguidamente recoñecer que "é moi probable que poida haber un atraso" no calendario.

Neste contexto, a directora xeral de Saúde Pública reiterou que a postura da Xunta segue sendo completar a inmunización deste colectivo con AstraZeneca, a pesar do estudo do Instituto Carlos III que avalaba facelo con Pfizer.

"Non é unha posición obstinada nin por criterios baladís. A evidencia é a que di a Axencia Europea do Medicamento e boa parte da comunidade científica avala esta postura", recalcou.

Iso si, na liña do decidido na Comisión Nacional de Saúde Pública, o Sergas permitirá a estas 93.000 persoas menores de 50 escoller entre unha marca ou outra cun consentimento informado, calquera que sexa a elección.

CITACIÓN "A PRÓXIMA SEMANA"

Así, a administración das segundas doses a este grupo arrincará o próximo 2 de xuño, polo que a directora xeral de Saúde Pública estimou que "a próxima semana haberá que empezar a citalas" e a saber quen optan por continuar con AstraZeneca e quen se pasan a Pfizer. Isto levará un novo protocolo de citación que Sanidade prevé ultimar este mesmo luns, segundo Durán.

Así mesmo, avanzou que o Sergas calcula recibir esta semana aproximadamente 97.000 unidades de Pfizer, coa "complicación" de que se dividirán en dúas entregas --unha metade o luns e a outra, o mércores--, ao redor de 17.600 de Moderna e entre 12.000 e 15.000 de AstraZeneca. En canto ás de Janssen, lamentou que non haxa unha "previsión clara".

Deste xeito, a campaña dos próximos días centrarase en segundas doses para o colectivo de 70 a 79 anos, primeiras para persoas entre 50 e 59, e en inmunizar a colectivos esenciais "que quedaron pendentes", así como aos mariñeiros de altura e gran altura. De forma paralela, o Sergas "explorará" o protocolo de vacinación nos centros penais.

EVENTOS MASIVOS

Sobre a posibilidade de realizar eventos masivos no verán na liña do protocolo presentado este sábado pola Xunta, a responsable de Saúde Pública subliñou que por agora traballan en como facer as probas piloto previstas para 19 de xuño, aínda que aínda non está decidido onde se realizarán.

Iso si, Durán avanzou que serán "en lugares que sexan representativos" para Galicia e que terán o obxectivo de "comprobar a súa efectividade, detectar áreas de melloras" e a partir de entón establecer "un calendario" para poder celebrar espectáculos en localizacións cunha incidencia acumulada de nivel medio-baixo, "por baixo de 150 a 14 días", segundo precisou.

No entanto, a directora xeral de Saúde Pública optou pola prudencia para abordar a posibilidade de eliminar a obrigatoriedade das máscaras en Galicia: "Imos esperar como imos coa vacinación e se podemos falar de inmunidade de rabaño a final do verán".

Ao seu modo de ver, a decisión que se adopte debe saír dunha "avaliación seria, meditada, con todas as probas encima da mesa", tendo en conta a experiencia doutros países como Israel e Estados Unidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta