Multan a Endesa cun millón de euros pola contaminación do Eume

O organismo público propón tamén que achegue case outro millón para custear as obras que se fixeron na potabilizadora de Pontedeume.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2021 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Xunta trasladou a Endesa a proposta de resolución de imposición de dúas sancións polo episodio de turbidez xerado no río Eume o pasado ano, á vez que lle demanda que asuma o custo das obras que foi preciso acometer na potabilizadora de Pontedeume para garantir o abastecemento de auga á poboación en cantidade e calidade.

Pola súa banda, fontes da empresa consultadas por Europa Press sinalan que a compañía estudará a resolución unha vez que a reciba formalmente e presentará o correspondente recurso. En concreto, a proposta de resolución de imposición de dúas sancións por incumprimento moi grave trasladouna Augas de Galicia á empresa Endesa Xeración SA.

A primeira delas, apunta, refírese a a desatención ao requirimento notificado o 8 de agosto de 2020 por Augas, que pedía á explotadora que cumprise co réxime de explotación habitual mantendo a cota mínima de explotación en 306 msnm (metros sobre o nivel do mar), "garantindo en todo caso o mantemento do caudal ecolóxico".

"Endesa Xeración SL desatendeu o requirimento debidamente notificado, continuando co proceso de descenso de cota non autorizado ata o día 28, momento no que se constata a aparición de turbidez no encoro", apunta a Consellería de Infraestruturas. Por non apreciar "ningún atenuante", segundo sinala, "procede impor a sanción prevista na lei de augas de Galicia na súa contía máxima, 600.000 euros".

A segunda, "porque Endesa Xeración SL modificou o réxime de explotación do encoro sen autorización administrativa incumprindo as obrigacións que lle corresponden como titular da presa con graves consecuencias", segundo a consellería.

Neste caso consideráronse atenuantes que a empresa está a tramitar a autorización administrativa das normas de explotación do encoro do Eume e que os controis levados a cabo no seu plan de vixilancia ambiental do proceso de descenso "serviron para detectar a turbidez e interromper o descenso programado, evitando así unha afección aínda maior". Por estas razóns, Infraestruturas entende que procede impor a sanción prevista na súa contía mínima, por valor de 350.000 euros.

OBRAS

Ademais, a mencionada lei contempla que, con independencia das sancións, poderase esixir aos infractores a reparación dos danos e prexuízos ocasionados ao dominio público e a reposición das cousas ao seu estado anterior.

Segundo Augas, estes danos están valorados en algo máis de 930.000 euros, correspondentes ás actuacións que houbo que realizar para garantir o servizo de abastecemento e para realizar o correcto seguimento ambiental que permitiu adoptar accións correctoras. Por iso, entre as propostas de resolución engádese que a reparación desta contía (932.284,45 euros) "será esixible á infractora en concepto de indemnización".

A empresa ten un prazo de 15 días hábiles para presentar alegacións a estas resolucións. Unha vez transcorra, Augas preparará o expediente oportuno para ser elevado ao consello reitor do organismo, o competente ao tratarse de sancións tipificadas como moi graves.

POSTURA DE ENDESA

Pola súa banda, as fontes de Endesa indican que a empresa procedeu "correctamente" e defenden que "deu os avisos correspondentes" sobre a explotación do encoro e o réxime concesional.

En concreto, alegan que o 12 de agosto tivo lugar un episodio de choivas torrenciais concentrado nun curto período de tempo, o que xerou un aumento da turbidez nas zonas de cola. A maiores, informan da existencia de varios informes periciais "que avalan o correcto proceder de Endesa".

Endesa nas Pontes
Endesa nas Pontes | Fonte: Comité de empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta