"A Xunta permite que haxa centos de persoas en interiores pero limita os nosos grupos a oito"

Máis de cen empresas de turismo de Galicia cargan contra unhas restricións "inxustas" e que sitúan como as máis férreas do Estado: "abócannos á desaparición".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Nova vaga de críticas de parte do sector turístico galego contra o modelo de restricións da Xunta de Galicia. Se os primeiros golpes contra as decisións do ente autonómico viñeron da man da hostalaría e as súas caravanas nas principais cidades galegas, o seguinte toque de atención ameazan con poñelo as empresas de turismo; e en particular as que se dedican ao chamado “turismo activo”.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras o comité clínico. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras o comité clínico. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI

A principal denuncia destas compañías, agrupadas na plataforma AGETAN, é que as restricións da Xunta as abocan “á desaparición”, problemática que viría dada por unhas restricións “inxustas” e que estarían a ser formuladas e aplicadas sen atender, subliñan, á situación sanitaria deste sector nin ás súas características.

“Galicia aplica, para este sector, as medidas máis restritivas de toda España”, afirman dende a plataforma”, que carga contra a Xunta de Galicia por limitar os grupos destas actividades a 8 persoas, cando na maioría de CCAA o limiar estaría situado en 30. “Isto impide poder ofrecer estas actividades a prezos razoables, por tanto leva ao peche definitivo das 130 empresas de turismo activo de Galicia”.

A problemática estribaría, á parte, en que as actividades de turismo activo se practican “sempre” en espazos naturais, é dicir, ao aire libre. Neste aspecto, dende a plataforma lembran as declaracións da Xunta de Galicia aludindo á baixada de risco de contaxio no caso de actividades exteriores; circunstancia pola cal Feijóo xa vén de prever nos últimos días que a máscara en aberto ten as semanas contadas. 

Esta postura sería “contraditoria” para a asociación, que censura tamén que a Xunta avale esta limitación a 8 persoas “ao tempo que permite reunións de decenas e ata centenares de persoas en espazos interiores”. “As empresas contan cun protocolo específico para cada especialidade de turismo activo, e personalizado para cada empresa, con medidas para a redución do risco de contaxio por Covid-19. É un protocolo de máis de 50 páxinas, minucioso, extenso e adaptado a cada unha das empresas certificadas”, engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta