Críticas á CRTVG por "recomendar respecto á autoridade" e "non falar" ante situacións de acoso laboral

O grupo socialista critica a celebración dun curso online para previr o acoso laboral onde se insta a "respectar a autoridade" e "non falar cos medios de comunicación". O director da CRTVG, pola súa banda, rexeita a creación dunha figura que vele polo polo cumprimento de boas prácticas no tratamento de temas relacionados coa violencia de xénero.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2021 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Novas críticas á CRTVG en relación ao seu "desleixo en materia de igualdade". Desta vez, o grupo socialista denuncia que o ente público "vulnera a Lei de Medios Públicos e as recomendacións de tratamento de casos de violencia machista" tras ter constancia da celebración dun curso online para previr situacións de acoso laboral onde se recomenda “respecto á autoridade, xerarquías e competencias profesionais” e “non falar cos medios de comunicación”.

A socialista Noa Díaz ensina un cartel do curso online da CRTVG sobre situacións de acoso laboral
A socialista Noa Díaz ensina un cartel do curso online da CRTVG sobre situacións de acoso laboral | Fonte: PSdeG

Así o comunicou a portavoz de Igualdade e representante do PSdeG na Comisión de Control da CRTVG, Noa Díaz, a raíz dunha pregunta oral sobre o “desleixo da CRTVG en materia de igualdade”, que supón, segundo indica, o "incumprimento da Lei de Medios Públicos e a vulneración das recomendacións de tratamento de casos de violencia machista". Como exemplo, Noa Díaz fíxose eco dun "curso obrigatorio" que é "anunciado cunha imaxe centrada en varias pernas de mulleres".

Díaz denunciou a “reincidencia” destas situacións na canle pública galega no tratamento da

violencia machista, que mesmo “reproduce estereotipos propios do machismo máis rancio”. Unha situación que evidencia, dixo, que “non existe absolutamente ningún tipo de control sobre os seus contidos e ningunha sensibilidade nin formación das persoas que son as voces e as caras que nos acompañan a diario nas nosas casas”.

'QUEN ANDA AÍ'

Se hai semanas era o Land Rober quen utilizaba o programa para interceder a favor da ex parella acosadora dunha muller do público, desta volta a socialista apuntou tamén o sucedido no debate do “Quen anda aí” do pasado 28 de abril sobre a violencia vicaria que se está a tratar na docuserie de Rocío Carrasco en Telecinco.

Nesa conversa televisada, os participantes no debate "chegaron a cuestionar o que cobrara a muller vítima protagonista polo programa sobre a súa situación e o destino dese diñeiro", lembra Díaz, que advertiu de que cualificaron os feitos como "violencia doméstica" e cuestionaron o aspecto físico e traxectoria vital de Carrasco. "Un esperpento que rematou con risas no plató sen que ninguén alertase en ningún momento do que se acababa de escoitar. Ninguén apelou polo respecto polas mulleres vítimas de malos tratos e moito menos desculpase o tratamento frívolo e inadmisible desta problemática”.

SÁNCHEZ IZQUIERDO

 

Pola súa banda, o director da Corporación de Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, rexeitou que o ente público incorpore unha figura concreta que vele polo cumprimento de boas prácticas no tratamento de temas relacionados coa violencia de xénero. Así, cuestionou a efectividade desta medida e sinalou que el opta pola formación dos profesionais.

 

Sánchez Izquierdo acusou a deputada de que o PSOE quería que se adopten "medidas contundentes de despedimentos" dos profesionais da comunicación que estaban no programa 'Quen anda aí'. Ante iso, Díaz aclarou que as caras dos presentadores denotaban incomodidade e preguntouse por que non se actuou despois de espazos publicitarios, mentres que Sánchez Izquierdo apelou á programación en directo, o 86 por cento da programación efectiva, para xustificar que neste tipo de situacións se poden cometer "erros".

 

Noa Díaz quedou "alucinada" cos argumentos esgrimidos por Sánchez Izquierdo, quen na súa última intervención apelou a que a súa intervención estivo revisada por unha muller avogada con experiencia en temas de violencia de xénero. "Foi escrita case na súa totalidade por unha profesional avogada, experta en temas de xénero e non serviu para evitar as descualificacións", reprochoulle.

 

Sánchez Izquierdo indicou que mesmo as dilatadas traxectorias dos profesionais e tertulianos "non garanten que non vaian cometer erros". "Nin eles nin ninguén está exento de cometelos", dixo o director da CRTVG, quen volveu defender a "especial sensibilidade da CRTVG coa materia e con programación específica".

 

Con todo, o director da compañía sinalou que os comentarios que alí se verteron "non foron acertados". "É obvio", recoñeceu Sánchez Izquierdo, quen, no entanto, indicou que a TVG "seguirá" apostando pola "formación", pero "tamén pola liberdade de expresión". En canto á cuestión da violencia de xénero, o director da corporación indicou que "as principais ferramentas están nos lexisladores, parlamentos e gobernantes" e "non só na cidadanía e nos medios de comunicación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta