Amplían ata o 18 de xuño o prazo de presentación de proxectos sociais para o Plan de Recuperación

A ampliación débese, segundo a Consellería de Política Social, á "boa acollida" entre as entidades de iniciativa social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2021 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ampliou ata o 18 de xuño o prazo de presentación de proxectos de carácter social para o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Tal e como indicou a Consellería de Política Social nun comunicado, a decisión responde á  "boa acollida" entre as entidades de iniciativa social da manifestación de interese lanzada polo departamento autonómico o pasado 15 de maio. O obxectivo, sinalaron, é "implicar ao terceiro sector no desenvolvemento das liñas estratéxicas de actuación no ámbito dos servizos sociais".

As entidades, con ou sen ánimo de lucro, interesadas en presentar propostas deberán detallar na súa solicitude aspectos de cada proxecto tales como os obxectivos, a localización, a planificación, o estado de madurez e socios implicados, así como unha valoración económica.

Doutra banda, na manifestación de intéres identifícanse algunhas áreas chave que comparten como eixo común a innovación e a mellora do sistema de coidados: a creación de novos equipos, o lanzamento de proxectos piloto, a transformación tecnolóxica dos servizos sociais, a atención á infancia no medio rural, o coidado da saúde mental na infancia e a aposta pola accesibilidade.

A loita conta a exclusión social a través do aproveitamento do potencial das zonas rurais e da redución da fenda dixital, iniciativas no ámbito da dinamización demográfica e a fixación de poboación en zonas pouco habitadas; así como programas de educación non formal e voluntariado "co obxectivo de fomentar e mellorar as capacidades e habilidades dos mozos", son algúns dos proxectos que tamén se inclúen.

A todo isto súmase a candidatura presentada por Galicia ao compoñente 22 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia --xestionado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030--.

A proposta, tal e como detallou a Consellería, consta de 30 proxectos e un investimento de 164 millóns de euros repartidos en tres anualidades.

Vivenda rural en imaxe de arquivo
Vivenda rural en imaxe de arquivo | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta