Os pais dun bebé que morreu por exceso de calor en Ourense aceptan tres anos de cárcere

Estaban acusados dun delito de homicidio imprudente pola morte do menor e outro de lesións ao seu xemelgo.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 08/06/2021 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

Os pais dun bebé que morreu por exceso de calor en Ourense, aos que tamén se lles imputaba un delito de lesións ao seu xemelgo, aceptaron tres anos de cárcere no xuízo celebrado este martes.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

En concreto, os feitos remóntanse aos días 1 e 3 de marzo de 2019, cando no interior do domicilio familiar, situado en Ourense, un dos dous proxenitores "agarrou e presionou fortemente", segundo o escrito fiscal, a un dos bebés dun mes de idade, "co coñecemento do outro proxenitor que non tratou de evitalo".

Despois de "zarandealo con brusquidade e forza desproporcionada", segundo o auto, o menor sufriu catro fracturas no costado esquerdo que requiriron asistencia facultativa e observación e vixilancia na UCI pediátrica.

Así mesmo, na madrugada do 3 de marzo os procesados deitaron o outro irmán xemelgo nun cuco nunha habitación separada da súa e, segundo Fiscalía, "obviando as normas esenciais de coidado", acenderon e orientaron cara ao bebé un calefactor de aire quente que "provocou unha calor excesiva ocasionando a morte do mesmo, probablemente, por deshidratación".

Este martes, no Xulgado do penal número 1 de Ourense, os pais aceptaron a petición de Fiscalía de 3 anos de prisión recoñecendo os feitos.

A pesar de que nun principio o Ministerio Público solicitaba 7 anos de prisión, finalmente chegaron a conformidade entre as partes reducindo a pena aos tres anos aceptados. Un por homicidio imprudente e dous anos polas lesións ao outro menor.

Ademais, a sentenza impúxolles a retirada da patria potestade do menor lesionado, que está tutelado pola Xunta de Galicia cunha familia de acollida, e a obriga de indemnizar o menor lesionado con 11.400 euros: 5.400 polas lesións e 6.000 euros pola morte do seu irmán.

A contía foi solicitada pola defensa da Fundación Amigos de Galicia, que se presentou como acusación particular e que tachou a cantidade de "simbólica" pero "importante para o seu futuro". "Coa sentenza ditada hoxe asegurámonos de que os seus dereitos foron e serán protexidos, que é o noso fin", puntualizou o avogado.

Ao pai, en prisión por outro delito, foille prohibido achegarse ou comunicarse co menor durante 8 anos, unha medida que non se impón á nai porque participa de visitas programadas co menor. "Cambiou moito a súa conduta, está apegada ao neno e consideramos que é o mellor", explicou o letrado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta