Temas: CINE AUDIOVISUAL

Play-Doc, Curtocircuíto, S8 e Festival de Cans, as citas de cinema máis apoiadas pola Xunta este 2021

O recentemente nomeado presidente da AGA ve "positivas" as axudas, pero pide á Xunta que apoie o sector na procura de financiamento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2021 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

O Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (36.930,96 euros), o Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela (36.240,05 euros), (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (29.624,56 euros) e o Festival de Cans de Curtametraxes, no Porriño, (28.419,73 euros) son as citas cinematográficas que concentran ao maior parte das axudas que a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) destina este ano a este fin.

Edición de 2020 do Festival de Cans
Edición de 2020 do Festival de Cans | Fonte: Festival de Cans.

Concreamente, a Xunta acaba de resolver as subvencións destinadas aos festivais galegos do sector audiovisual, con 200.000 euros, e que alcanzarán a 14 citas cinematográficas, aínda que o catro mencionadas son as que concentran as maiores contías.

Así, tamén participarán desta liña de subvencións o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (16.984,10 euros); o Festival Carballo Interplay (14.584,09 euros); Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (9.949,08 euros); a 43ª Semana de Cinema de Lugo (7.350,09 euros); a Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, na Coruña, (7.042,72 euros); a MICE-Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, (5.171,44 euros); o 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Verín (3.220,89 euros); e os eventos que se celebran en Vigo: Festival de Cinema Inclusivo (2.239,77 euros), Festival Primavera do Cinema (1.376,07 euros) e Galician Freaky Filme Festival (866,45 euros).

Por mor desta convocatoria, a Academia Galega do Audiovisual (AGA) pediu á Xunta que apoie o sector na procura de financiamento de proxectos, a través de eventos como o Xacobeo ou servindo de interlocutora entre as produtoras e os posibles patrocinadores privados.

O presidente da AGA, Álvaro Pérez, considera "positivas" as axudas da Agadic aos festivais galegos, pero insta a un maior esforzo da Xunta, e afirma que existe "falta de comunicación" entre o sector e a administración pública.

Para Álvaro Pérez, debería existir un diálogo fluído "non só coa Consellería de Cultura", senón tamén "coa Consellería de Sanidade". "En especial, de cara a acordar as propostas das medidas de prevención contra o coronavirus" ou para "coñecer de primeira man as razóns polas que se aplican as restricións", engadiu.

O presidente da academia declarou que o sector audiovisual galego ten "expectativas optimistas" de cara ao outono.

Temas: CINE AUDIOVISUAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta