Temas: CIG EMPREGO BBVA

A CIG considera que hai "alternativas menos traumáticas" que os despedimentos no BBVA

O sindicato non asinou o preacordo do ERE porque "non nos vale e tampouco compartimos a visión dos sindicatos que o avalan: hai despedimentos e se precarizan as condicións do persoal que queda, concretamente na atención en remoto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

A CIG non asinou o preacordo para o ERE formulado polo BBVA ao criticar que manteña os despedimentos que, no caso galego, "poderían ser resoltos cunha alternativa menos traumática e de menor impacto social".

En concreto, este martes a entidade financiase e representantes dos traballadores pecharon un acordo sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE), que suporá o despedimento de 2.725 traballadores. Segundo informaron fontes sindicais ao termo da reunión deste martes, a última do período negociador, sairán da entidade 2.725 empregados, aos que se suman outras 210 excedencias incentivadas, fronte ás 3.798 extincións que BBVA propuxo ao comezo da negociación.

Tras coñecerse este acordo, nun comunicado remitido aos medios, o sindicato nacionalista informou a súa decisión e puxo en valor a "contundente resposta" dos traballadores e das traballadoras ás convocatorias de mobilizacións e folgas, que "obrigou á empresa a mover as súas propostas na mesa de negociación".

Por iso, pide que se lle permita ao persoal ter a última palabra sobre a firma do acordo, de forma que se someta a un referendo aberto e democrático.

En "previsión do que ía ocorrer na mesa de negociación", o sindicato convocou concentracións este martes ante as oficinas do BBVA na Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense para mostrar o seu rexeitamento ao ERE, que en Galicia suporá o despedimento de 101 persoas, e aos expedientes de modificación substancial das condicións laborais e de mobilidade xeográfica.

"O ERE non nos vale e tampouco compartimos a visión dos sindicatos que o avalan: hai despedimentos e se precarizan as condicións do persoal que queda, concretamente na atención en remoto", critica o secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, quen engade que pouco avance supón despedir a compañeiros de menos de 50 anos.

"Se o banco considera que hai un excedente de persoal, pode solucionalo con saídas que sexan verdadeiramente voluntarias e primadas para os traballadores de máis de 60 anos. Unha alternativa menos traumática e cun menor custo social", sinala.

Mobilización contra o ERE en BBVA. CIG
Mobilización contra o ERE en BBVA. CIG

Temas: CIG EMPREGO BBVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta